1 arxentino -na

1 arxentino -na

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente á Arxentina ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante da Arxentina.

  3. arte arxentina

    Arte que se desenvolveu no territorio da República Arxentina desde a colonización castelá. Durante a época colonial a arquitectura barroca gozou dunha certa importancia; o xesuíta de orixe italiana Andrés Blanqui (s XVIII) interveu, a miúdo con Xoán Bautista Primoli, en diversas obras (Catedral de Córdoba, Igrexa de San Ignacio en Bos Aires); a finais do s XVIII impúxose un Neoclasicismo anglo-francés (Catedral de Bos Aires). A escola pictórica autenticamente arxentina iniciouse co realista Prilidiano Pueyrredón (1823-1870) e, posteriormente, chegaron as correntes artísticas europeas, especialmente francesas: Ernesto Sívori (1847-1918), Eduardo Schiaffino (1858-1935) e, máis tarde, Valentín Thibón de Libián (1889-1931), Fernando Fader (1892-1935). Entre os costumistas destaca Cesáreo Bernaldo de Quirós (1881). Máis adiante xurdiu unha das figuras máis prestixiosas da arte arxentina, Emilio Pettoruti (1892), que cultivou unha pintura construtivista derivada do Cubismo; Xoán del Prete (1897) dedicouse ao action paiting, Lucio Fontana (1899-1968) foi o creador do Espacialismo e Xulio Le Parc foi un dos grandes valores da arte cinética e luminosa. Na escultura destacaron Antonio Sibellino (1981-1960), Pablo C. Manes (1891) e Sesostricio Vitullo (1859-1953). En arquitectura sucedéronse os estilos neogótico inglés, italianizante, afrancesado e ecléctico. O máis importante foi o afrancesado cultivado pola nomeada xeración dos oitenta que adaptou o espírito do segundo imperio francés ao país. A edificación máis significativa deste estilo foi a Avenida de Maio en Bos Aires, trazada por Torcuato Alvear seguindo as concepcións urbanísticas do barón Hausmann. Contemporaneamente apareceu a arquitectura utilitaria baseada no ferro e no ladrillo. O Modernismo foi máis importante nas artes gráficas. Do s XX destacan diversos plans de urbanización de Carlo María della Paolera (Avenida 9 de Xullo, 1930-1938) e a edificación de grandes rañaceos como o Kavanagh (1938), obra de López Sánchez e De la Torre. A partir dos anos sesenta hai que distinguir unha corrente neofigurativista, representada por Rómulo Macció, Luis Felipe Noe, Enesto deira e Jorge de la Vega; e unha corrente que incorpora as novas vangardas desde o pop ao op, pasando polo happening. Representada por E. Giménez, D. Puzzovio, A. Rodríguez Arias, P. Mesejean e D. Cancela, entre outros.

  4. cine arxentino

    Cine producido na Arxentina. Os inicios están marcados por El fusilamento de Dorrego, de Mario Gallo (1908), primeira película de argumento. Nesta época o tema épico-histórico repítese como unha constante na maioría das realizacións. Abriu unha paréntese o pioneiro José Ferreyra, que deixou os temas históricos para levar poesía ao pobo. En 1942, creouse o Museo Cinematográfico e constituíuse o primeiro cine-club. En 1950, El crimen de Oribe, dirixida por Leopoldo Torre Ríos e Leopoldo Torre Nilsson, iniciou unha nova corrente: o cine intimista. Graciela (1956) e La casa del ángel (1957) deron a Torre Nilsson unha dimensión universal. As súas obras retratan o afondamento dunha sociedade decadente e a súa escala de valores sociais, políticos e culturais. Con todo, na película Martín Fierro (1968) retorna á temática épica. Desde finais da década dos cincuenta ata finais da do sesenta destacan Fernando Ayala, Lautaro Murua, David J. Kohon, Rodolfo Kuhn e Manuel Antín. En 1967, Fernando Ezequiel Solanas realizou a película máis importante e polémica do novo cine arxentino: La hora de los hornos, obra dunha intención plenamente revolucionaria, testemuño punzante da realidade e da loita de liberación en América Latina. O retorno do xeneral Perón ao poder no 1973 suscitou unha revitalización legal -supresión da censura, proxecto de lei de cine-, económica -aumento da produción- e política, que permite a exhibición de diversas películas de denuncia do réxime anterior. A instauración da nova ditadura militar en 1976, cortou estas aspiracións e provocou o descenso da produción, a represión -Raimundo Gleyzer- ou o exilio dos cineastas máis destacados -Fernando Solanas, Octavio Getino, Hugo Santiago, Edgardo Cozarinsky-. Co regreso da democracia, o cine arxentino experimentou un rexurdimento moi importante, que está patente na produción de numerosas películas, moitas delas centradas na análise crítica ou na denuncia dos tempos da ditadura militar, como por exemplo La historia oficial (1984), de L. Puenzo, sobre o tema dos desaparecidos, que foi galardoada cun Oscar. Non obstante, a chegada do goberno peronista ao poder en 1987 acabou coa política cinematográfica de Manuel Antín. As subvencións estatais á produción diminuíron e a crise industrial traduciuse no descenso das 2.300 salas existentes en 1980 a 510 en 1990.

  5. literatura arxentina

    Literatura hispanoamericana escrita en lingua castelá polos arxentinos. As profundas relacións históricas e sociais entre Arxentina e Uruguai crearon outras de tipo cultural que permiten falar dunha literatura propia chamada do Río da Prata. A literatura arxentina iniciouse co vicerreinado do Río da Prata (1776). A finais do s XVIII destacaba o poeta Manuel José de Laverdén, autor de Oda al Paraná. O Romanticismo foi introducido por Esteban Echevarría con obras como Consuelos (1834), Rimas (1837), e La Cautiva, unha das primeiras manifestacións do tema gauchesco. O movemento de idealización nacionalista afirmouse con Hilario Ascasubi, Estanislao del Campo e José Hernández, autor de Martín Fierro (1872), que se converteu no poema nacional da Arxentina. O gauchismo foi un dos trazos característicos do Romanticismo arxentino, orixinado como reacción intelectual contra a tiranía de Juan Manuel de Rosas, na que foron líderes Esteban Echevarría, José Mármol, Bartolomé Mitre e Domingo Faustino Sarmiento. Fronte ao gauchismo, apareceu un movemento influenciado pola estética de París, se ben cun enfoque menos cosmopolita, que integraban Juan María Gutiérrez, Carlos Guido, Spano, Olegario V. Andrade e Eduardo Mallea. No tocante ao teatro, a peza Juan Moreira (1879) de Eduardo Gutiérrez encádrase na corrente gauchesca, pero, en xeral, seguíronse os movementos europeos da man do teatro popular do uruguaio Florencio Sánchez. O Naturalismo, centrado fundamentalmente na temática do campo arxentino, estivo representado por Manuel Gálvez, Robert J. Payró e Benito Lynch, con dúas novelas fundamentais: Los Caranchos de La Florida (1920) e El inglés de los güesos (1924). En 1926 Ricardo Güiraldes, pechou o ciclo gauchesco con Don Segundo Sombra e acadou o recoñecemento unánime da crítica europea. O Modernismo deixou La Gloria de Don Ramiro (1908) de Enrique R. Larreta, a obra poética de Leopoldo Lugones e, entre outros, a Enrique Banchs, Ezequiel Martínes Estrada, Ricardo E. Molinari e Conrado Nalé Roxlo. Máis próximos aos movementos de vangarda están Baldomero Fernández Moreno, Alfonsina Storni, Macedonio Fernández, que se aproximou xa ao Ultraísmo, e Oliverio Girondo. Despois do Modernismo, a narrativa achegouse tamén á vangarda con Roberto Arlt, que expresou a frustración da burguesía bonaerense, e Jorge Luís Borges que creou un universo moi persoal mestura de evocación lírica, metafísica e narración. Entre as promocións seguintes destacan: Ernesto Sábato, Manuel Mújica Laínez e Julio Cortázar. Cómpre tamén mencionar a Juan José Saer, Manuel Puig, Haroldo Conti, Marta Lynch, Adolfo Bioy Casares e Silvina Ocampo. Polo que respecta á poesía, destacan César Fernández Moreno, Francisco Urondo, Alejandra Pizarnik, Olga Orozco e, sobre todo, Juan Gelman; en teatro, Carlos Gorostiza, Abelardo Castillo, Agustín Cuzzani e Osvaldo Dragún, e entre os ensaístas Enrique Andersom Imbert, Raúl Larra e Rodolfo Walsh.

  6. música arxentina

    Arte musical da República Arxentina. Durante a colonización española, foi introducida con certa lentitude a música europea. Nas misións dos xesuítas os indíxenas aprenderon a tocar diversos instrumentos. Tamén foron iniciados na fabricación destes. Distinguiuse no eido musical o italiano Domenico Zipoli. No s XVIII a música formaba parte das festas do vicerreinado. No 1804 inaugurouse o Teatro Porteño baixo a dirección do catalán Blai Parera, autor do himno nacional arxentino. O precursor máis notable da música arxentina foi Juan Pedro Esnaola. A partir de A. Williams, que incorporou elementos folclóricos, apareceu un grupo que escribía composicións pertencentes á escola nacionalista: Julián Aguirre, Carlos López Buchardo. Outra tendencia foi a que utilizou o folclore, pero cunha grande influencia do verismo italiano. Os nomes máis importantes son Arturo Berutti e Constantino Gaito. Os compositores máis sonados do s XX son Juan Carlos Paz, Juan José Castro, Alberto Ginastera e Mauricio Kagel. Os principais cantos e danzas autóctonos son la baguala, la cifra, el cuando, el estilo, el gato, la huella, la media caña, la milonga, el tango, el triste y la vidala, la chacarera, la cueca e el carnavalito.