Arzúa

Arzúa

Comarca do centro de Galicia, situada no interfluvio Ulla-Tambre. Limita ao O coa Terra de Santiago (concellos de Santiago de Compostela e Boqueixón), ao N, por medio do río Tambre, coas de Ordes (Oroso, Frades e Mesía) e Betanzos (Vilasantar), ao L coa Terra de Melide (Melide, Santiso e Sobrado dos Monxes) e ao S coa comarca do Deza (Vila de Cruces) separada polo río Ulla. Nunha superficie de 485 km2acolle unha poboación de 19.918 h (1996) distribuída entre os concellos de Arzúa (155,4 km2; 7.014 h), Boimorto (82,4 km2; 2.722 h), O Pino (131,4 km2; 5.056 h) e Touro (115,3 km2; 5.126 h), resultando unha densidade comarcal de 40,81 h/km2(Arzúa 45,1 h/km2; Boimorto 33,0 h/km2; O Pino 38,5 h/km2; Touro 44,5 h/km2). A capitalidade reside na vila de Arzúa, núcleo dos servicios comarcais, entre os que destacan a sede de partido xudicial adscrito á provincia da Coruña.
Xeografía física
Sitúase nunha área de transición do dominio climático oceánico hiperhúmido ao oceánico continental, caracterizándose polas súas elevadas precipitacións (entre os 1.200 e 2.000 mm) e unhas temperaturas suaves: a media anual é moderada (12°C) do mesmo xeito que as correspondentes ao mes máis frío e ao máis cálido (7,1°C en xaneiro e 17,7°C en xullo). Estas terras ocupan o interfluvio entre os ríos Tambre e Ulla, xa na transición cara ás serras da dorsal occidental. O relevo alterna resaltes montañosos alombados con vales de pequenos ríos. As alturas son moderadas, oscilando entre os 300-400 m e as principais unidades do relevo seguen unha dirección dominante NL-O. As máximas cotas están no extremo NL, no concello de Boimorto, no arranque da serra do Bocelo enlazando coa dorsal occidental. Destacan o Couto das Abieiras, con 773 m de alt, e Couto Salgueiras, de 614 m. Cara ao O as alturas van descendendo: no seu sector central (Arzúa e parte do Pino) oscilan entre 400-500 m. No O baixan ata 300-400 metros ou incluso menos no SO do concello de Touro. A aliñación principal prolóngase cara ao O polos altos de Lavacolla, xa na Terra de Santiago. Como resultado da disección do relevo orixinado polos afluentes do Tambre e Ulla, desta aliñación parten outras secundarias, que marcan as divisorias das augas. No caso do Tambre, os seus afluentes seguen a dirección L-O, mentres que os afluentes do Ulla seguen a N-S. A maior parte da comarca pertence á conca do último e a el diríxense os cursos de auga máis importantes. O Tambre, seguindo un val escasamente escavado, entra polo NL, polo concello de Boimorto, servíndolle de límite polo N e O. Nun pequeno treito fai idéntico papel respecto ao de Arzúa e durante un longo tramo no do Pino. Os seus principais afluentes son o Río Pequeno, o Noa e o Mera. O primeiro é un río pouco significativo e drena o O do concello de Boimorto. O Noa, tamén curto, percorre o N do término do Pino. O Mera posúe máis entidade; percorre o NO do municipio de Arzúa e desemboca no concello do Pino. No Ulla podemos distinguir un primeiro tramo, coincidente co seu percorrido polo concello de Arzúa, marcado polo encoro de Portodemouros. Neste encoro desemboca o río Iso, que nace en Boimorto e drena a maior parte do concello de Arzúa recibindo pola dereita o Brandeso e pola esquerda, xa preto da desembocadura, o Boente. O segundo tramo caracterízase polo seu encaixe percorrendo parte de Arzúa e a totalidade do seu límite meridional, recibindo o Lañas (con cabeceira no Pino) e o Prevediños, percorrendo case na súa integridade o concello de Touro, ao que drenan, respectivamente, a súa parte oriental e occidental. Estes ríos conforman pequenas redes fluviais ao recibir pequenos afluentes, destacando o Brandelos, tributario do Prevediños. En correspondencia coas condicións climáticas e a disposición do relevo, o manto vexetal presenta alternancia entre espacios ocupados por prados e pastos, e os forestais. Dentro dos últimos aparecen masas con especies caducifolias autóctonas (carballos e castiñeiros, bidueiros e ameneiros nas ribeiras dos ríos) e, no val do Ulla, especies mediterráneas (sobreiras). Repoboacións forestais co obxectivo de obter a máxima rendibilidade económica a curto prazo, baseándose en especies de coníferas (piñeiros) e eucaliptos, ocupan extensas superficies.
Xeografía humana
A evolución demográfica comarcal ao longo do s XX saldouse cun signo abertamente negativo. Así, respecto a 1900 perdeu a cuarta parte da súa poboación, pasando de 25.990 habitantes aos 19.918 actuais. A causa debe buscarse na forte emigración cara a América, nun primeiro momento, e a Europa e ás áreas máis desenvolvidas de España posteriormente. Mais, este descenso non é continuo nin posúe a mesma intensidade para cada un dos concellos. A primeira década do s XX caracterizouse por un moderado descenso debido á emigración a América, contrarrestando o crecemento vexetativo rexistrado durante eses anos. Nunha segunda xeira, desde 1910 a 1950, a poboación medrou ata conseguir nesta última data o máximo histórico con 31.635 h; nestes anos a evolución tornouse positiva debido ás trabas á emigración orixinadas pola conxuntura internacional, notándose unha desaceleración do crecemento na década de 1940 ao desaparecer os atrancos observados. A partir de 1950 volve con forza a emigración ultramarina substituída pola europea e española na década de 1960. Esta corrente migratoria só remite a partir da segunda metade da década de 1970, cando mudan as condicións das economías de acollida ante as sucesivas crises económicas. Na década de 1990 iniciouse unha última fase onde a emigración pasou a ser un elemento excepcional, substituída por saldos positivos derivados do retorno dalgúns antigos emigrantes. Esta última etapa caracterízase, ademais, pola falla de vitalidade demográfica incidindo nun estancamento claramente visible. Nos catro municipios a evolución a grandes trazos é moi semellante ao responder a características socioeconómicas bastante homoxéneas, aínda que existen diferencias de grao entre eles: mentres a perda é máxima no caso de Boimorto -onde a poboación en 1996 é pouco máis ca dous tercios da de 1900-, en Arzúa e Touro é sensiblemente menor (cun retroceso semellante á media comarcal). No Pino as perdas redúcense só á quinta parte. A emigración e o descenso da natalidade que orixinou deixaron unha forte pegada na estrutura demográfica da comarca: os maiores de 60 anos son o 30,0% fronte aos menores de 20, que son o 20,3%. En Boimorto, o concello máis interior, o avellentamento é moito máis acusado: os maiores de 60 anos son ao redor do 35%, mentres que os menores de 20 tan só supoñen o 16,6%.
Xeografía económica
A actividade económica dominante é a agricultura: a nivel comarcal dá traballo ao 39,8% dos ocupados. Esta situación repítese nos concellos de Touro (onde emprega ao 47,7%) e Boimorto (cun 50,4%); nos outros dous, a pesar de rebordar o 30% dos traballadores non é o primeiro sector económico senón o segundo (no Pino emprega o 31% da man de obra e en Arzúa o 34,3%). As condicións naturais favoreceron a forte especialización no gando, impulsadas decisivamente desde a década de 1960. Procurando explotacións máis rendibles, abandonouse a agricultura de subsistencia baseada no policultivo e substituíuse por unha especialización produtiva orientada ao mercado. O resultado foi o dominio das explotacións de gando bovino centradas na produción de leite. Tamén destaca na comarca a obtención de mel, apoiada pola súa denominación como Produto Galego de Calidade e a existencia dunha cooperativa (Erica Mel) que permite a comercialización dos seus produtos. A industria é feble, e só dá traballo ao 17,5% da poboación ocupada. A escala municipal presenta valores ao redor do 18%, agás no concello de Boimorto onde queda por baixo do 12%. Dentro deste sector destaca a industria queixeira amparada pola Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. Esta denominación deu un pulo destacable á súa produción, nacendo multitude de pequenas queixerías (entre as que destaca Queixerías Bama, de Touro) que impulsaron unha pequena industria alimentaria mercé á vocación gandeira da comarca. Outras industrias baséanse en pequenos serradoiros e talleres dedicados á carpintería, á produción de mobles a pequena escala, e nunha cativa actividade téxtil baseada en cooperativas e talleres de elaboración de artigos de coiro e toldos. Entre estes últimos destaca, sobre todo, Toldos Gómez, empresa arzuá dedicada á fabricación de toldos e que acadou unha cota de mercado moi elevada en toda Galicia. No referido a accións destinadas á promoción industrial destaca a construción dun parque empresarial por parte da Xunta de Galicia en Arzúa. Esta actuación supón a oferta de 100.000 m2de solo industrial para futuras iniciativas neste ámbito ou para unha nova localización das existentes nun espazo máis axeitado para a súa actividade. A construción tamén é unha actividade escasamente relevante que non supón máis ca o 11% da poboación ocupada da comarca. Esta debilidade trasládase a cada un dos concellos, dos que tan só destaca Arzúa cun 12% e O Pino co 13%, nos demais sitúase arredor do 9,5%. Nesta comarca a actividade céntrase na construción de vivendas, xa sexan principais ou secundarias, sobre todo na vila de Arzúa e tamén na área urbana de Santiago de Compostela. Os servicios son, a nivel comarcal, o segundo sector en importancia. Empregan o 31,6% da forza laboral presentando unha importancia maior en Arzúa e O Pino (onde son a primeira actividade cun 35,5% e 37,8%, respectivamente), e menor nos outros dous (24,0% en Boimorto e 28,3% en Touro). As principais actividades soen estar relacionadas co pequeno comercio e con servicios escasamente especializados debido á reducida dimensión do mercado ao que se destinan. A excepción vén dada por Arzúa, principal centro comercial que posúe unha gama de servicios máis diversificada coa presenza dalgúns bastante cualificados. No caso do Pino, a elevada porcentaxe débese á proximidade de Santiago de Compostela: moitos residentes empregados nos servicios traballan na capital de Galicia. Esta explicación, en menor grao, tamén pode aplicarse no relativo a Touro. A comarca comunícase por estrada pola nacional N-547 que, discorrendo paralela ao Camiño de Santiago, une Santiago de Compostela coa estrada nacional N-540 en Guntín e de alí a Lugo; a estrada nacional N-634, de Santiago de Compostela a Donostia, percorre tanxencialmente o concello do Pino e únese coa anterior en Lavacolla; a estrada comarcal C-540 que vai de Betanzos a Agolada percorre terras de Boimorto. Da vila de Arzúa parten outras estradas locais que a comunican con Boimorto e Touro.
Configuración comarcal
A comarca cohesiónase en función de tres factores. Un deles, puramente físico, é a uniformidade do relevo e da paisaxe. Outro é a idéntica base económica dos distintos concellos que a integran: agricultura cunha forte orientación gandeira. Por último, a capitalidade de Arzúa é o nexo fundamental de cohesión deste espacio. A cabeza do partido xudicial dende 1835, dótaa dunha centralidade histórica sobre este territorio. Este feito refórzase pola localización nela dun equipamento comercial e de servicios, responsable da recepción de fluxos procedentes do resto da comarca. Só a proximidade de Santiago de Compostela e, en menor medida, de Melide, orixina certos fluxos centrífugos. Así, os concellos de Touro e O Pino caen na área de influencia compostelá en razón da proximidade e da súa ampla oferta de servicios. No caso de Melide a súa atracción é moito máis matizada e déixase sentir moderadamente en Boimorto. A pesar das influencias externas, pode delimitarse claramente a comarca de Arzúa nos seus catro concellos. Os dous primeiros elementos citados configuran un espazo comarcal homoxéneo e o último plasma un territorio funcional, partindo das relacións que manteñen os distintos asentamentos coa vila de Arzúa.