AS-PG
Asociación que tivo a súa orixe no verán de 1976, cando un grupo de mestres nacionalistas se reúne co ánimo de galeguizar o ensino creando o Instituto Sócio-Pedagóxico Galego. A súa primeira actividade pública tivo lugar no curso 78/79 coa celebración do ciclo “Problemàtica das línguas sen normalizar”. Dende o verán de 1978 organiza anualmente e de xeito ininterrompido as Xornadas do Ensino. O marco de actuación da AS-PG é o labor socio-educativo, e catro son as parcelas nas que intervén de xeito continuado: a) formación do profesorado, con xornadas, cursos monográficos, obradoiros, conferencias ou grupos de traballo nos que participan cada curso arredor de 3.500 ensinantes; b) edición de material bibliográfico, coa publicación de diferentes unidades didácticas e libros, feito polo que foi galardoada co Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros (1992). Desde 1995 destaca a súa colaboración con A Nosa Terra na publicación de libros de texto e de proxectos enciclopédicos de literatura e arte; c) edición de material videográfico, que comezou no ano 1988, e que xa conta cun amplo abano de temas tratados (arte, literatura, lingua, ciencias, matemáticas, física ou etnografía, entre outros) e que foron merecentes de galardóns como o Primeiro Premio da Secretaría Xeral para as Comunidades Exteriores da Xunta de Galicia (1990), Premio da Secretaría de Estado de Educación á realización do mellor vídeo educativo do estado español (1994) ou o Premio ao mellor CD-ROM no VII Festival Internacional de Canarias (1998), entre outros; d) dinamización socio-educativa, tanto para nenos como para adultos, con actividades culturais e de tempo de lecer, exposicións, etc. Ademais cómpre destacar iniciativas como a creación, xunto con outras entidades, da Mesa pola Normalización Lingüística (1986) ou a Coordenadora Nacional de Equipos pola Normalización (1997).