Asam

Asam

Familia de pintores e decoradores alemáns, notables representantes do Barroco bávaro do século XVIII. O pai Hans George (Rott 1649 - 1711) foi pintor de frescos en Benediktbeuern e Fürstenfeld. Os seus fillos Cosmas Damian Asam , pintor, (Benediktbeuern 1689 - Weltenburg 1739) e Egid Quirin Asam (Tegernsee 1692 - Mannheim 1750), escultor e estucador, foron tamén arquitectos. Ambos os dous traballaban case sempre en conxunto. Viaxaron a Roma (1712-1713) onde estudiaron as obras de Bernini, Pietro de Cortona e Andrea Pozzo, entre outros. Ao seu regreso introduciron o gusto italiano no Barroco bávaro. Das súas obras destacan o altar maior de Rohr, a restauración do interior da Catedral de Freising, a Igrexa de Weltenburg, mostra do ilusionismo barroco, a decoración da abadía de Einsiedeln (Suíza) e a Igrexa de Johann-Nepomuk (1733-1735), en Múnic, máximo expoñente do seu estilo. Cosme Damian pintou os frescos da igrexa abacial de Osterhofen e de Weingarten. Egin Quirin esculpiu o grupo da Asunción de María da Klosterkirche de Rohr.