Asamblea Popular Galega
Organización segregada da Asemblea Nacional-Popular Galega logo da expulsión en abril de 1976 dalgúns militantes da Unión do Pobo Galego (UPG). Creada en outubro de 1976, a organización abranguía no Nadal dese ano once bisbarras: Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense, Arousa, O Barbanza, Monforte, O Morrazo, O Salnés e Pontevedra. Celebrou o seu primeiro congreso en Vigo o 19 de decembro de 1978 cun cento de asistentes. Os seus principios organizativos eran autoorganización, democracia interna e aceptación de militancia para as plataformas que se integrasen na asemblea. Dedicouse á organización dunha central sindical galega e a apoiar os movementos agrario e mariñeiro. En marzo de 1977 afirmaba os seus obxectivos electorais, propoñendo o apoio a aquela candidatura que se concretase nun programa federalista e de esquerdas. No plano cultural a Asamblea Popular Galega tentou levar adiante un Congreso da Cultura Galega. No verán de 1977 impulsou a creación das Iniciativas de Cultura Popular. A Asamblea Popular Galega disolveuse a finais de 1977.