ascetismo

ascetismo

(< ascet(a)

s m [RELIX]

Esforzo constante e sistemático por conseguir a perfección ética ou relixiosa por medio da represión dos vicios, renuncias voluntarias de praceres lícitos e, mesmo, a imposición voluntaria de mortificacións corporais por medio do exercicio das virtudes, a pregaria e o recollemento interior. O termo grego, άσκησις que orixinariamente significaba exercicio e entrenamento co fin de conseguir forza física e dominio nos xogos atléticos, pasou a ser empregada polos filósofos estoicos no sentido de práctica da disciplina moral ou do esforzo de liberación de todo ligamento terrenal para conseguir a apátheia ou imperturbabilidade propia dos sabios. Practicada na maioría das relixións, deu lugar a estilos de vida específicos (monxes budistas, esenios xudeus, devotos hindús, terapeutas exipcios, eremitas ou monxes cristiáns, etc). Malia as coincidencias, a significación das prácticas ascéticas nas diversas relixións é a miúdo distinta en cada unha delas, porque as concepcións ou os ideais de vida que os ascetas se esforzan en realizar son diferentes. As formas máis antigas pretenden potenciar as propias enerxías interiores por medio da abstención e do dominio sobre si mesmo. No Bramanismo está motivado por unha mística da unidade ou desexo de unificación co Ser e pide superar a actividade vital orientada ao Eu para identificarse co Un. No Budismo oriéntase pola consciencia da fugacidade da vida e dos enganos do mundo sensible e impón a extinción de todo desexo para chegar ao nirvana. Mentres que nas relixións orientais o ascetismo está orientado á contraposición entre a actividade extravertida e cambiante e o recollemento cara á fonte e orixe da vida interior, no mundo mediterráneo prevalece a oposición entre a alma e o corpo. O ascetismo do orfismo, do gnosticismo e doutras crenzas dualistas sobre a espiritualización da vida, realízase mediante a represión e a negación da materia e dos sentidos co seu carácter ilusorio. Pola contra, para os xudeus do Antigo Testamento, o home constitúe un todo único. Nun comezo, a ascese non tiña un gran papel. Despois do exilio, cando os xudeus experimentaron a propia culpa, desenvolveuse o sentido da penitencia e a partir dos esenios aumentou a tendencia a fundar asentamentos case monásticos no deserto para realizar un ideal de pureza cultural e moral. No Cristianismo, o ascetismo é básico na soterioloxía e na antropoloxía do Novo Testamento no que a oposición fundamental está situada entre o home vello caído no pecado e o home novo elevado en Cristo á vida da gracia. A ascese quería significar morrer para o pecado e para as malas inclinacións e aceptar a dor como medio de penitencia, renovación e asimilación a Cristo. O desexo de seguir a Cristo sufrindo concretouse sobre todo en forma de renuncia e abnegación de si mesmo e adoptou formas diferentes: o desexo do martirio nos tres primeiros séculos; a vida de anacoreta no deserto, logo da paz de Constantino; o monaquismo; a devoción á humanidade de Cristo, co desexo de consagrarse nos seus sufrimentos, na Idade Media, e de imitalo na súa pobreza entre os mendicantes; o ascetismo interior, de renuncia á propia vontade dos xesuítas, xa na época moderna. O Humanismo renacentista, co ideal de home da Antigüidade pagá, e o Luteranismo coa súa doutrina da salvación exclusivamente pola fe, reaccionaron contra o ideal ascético. A tendencia ascética dualista apareceu dun xeito especial en sectas chamadas heréticas como o montanismo, o gnosticismo, o maniqueísmo, o catarismo e o valdismo.