Asemblea de Parlamentarios de Galicia
Grupo constituído o 25 de xullo de 1977 polos deputados e senadores electos das circunscricións de Galicia nas eleccións ás Cortes Constituíntes celebradas en xuño de 1977. Presidida por Antonio Rosón Pérez, elaborou o proxecto do réxime de preautonomía, aprobado por unanimidade dos seus membros, que lle entregaron ao Presidente do Goberno, Adolfo Suárez González, o 27 de outubro de 1977. O 16 de decembro de 1978, a Asemblea de Parlamentarios acordou nomear unha comisión de dezaseis persoas para redactar o anteproxecto do Estatuto de Autonomía para Galicia. O 5 de maio de 1979, a Asemblea constituíu unha comisión de nove persoas encargada de elaborar o proxecto definitivo sobre a base do anteproxecto anterior. O 25 de xuño de 1979 a Comisión dos nove entregoulle á Asemblea o seu Proxecto de Estatuto, que foi aprobado por unanimidade e entregado ao Presidente das Cortes Españolas o 28 de xuño dese ano, no cabodano do plebiscito de 1936. O 25 de setembro de 1979 nomeouse unha comisión encargada de estudar o proxecto, integrada por 13 delegados da Asemblea de Parlamentarios e 13 membros da Comisión Constitucional do Congreso. A falta de consenso na resolución final e a reacción social posterior levaron a un estancamento no proceso que se prolongou ata o restablecemento da unanimidade, coa aprobación do Proxecto do Estatuto por parte de ambas as delegacións, o 29 de outubro de 1980.