Asemblea de Melide

Asemblea de Melide

Convocada en Melide en decembro de 1520 tralos levantamentos comuneiros en Castela, os seus promotores foron o conde Fernán Pérez de Andrade, por parte da nobreza, e o arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca, por parte dos prelados. Representaban ás clases privilexiadas que decidiran autodefenderse das revoltas dos vasalos. As peticións máis salientables emitidas pola Asemblea á Coroa de Castela foron a petición de voto en Cortes para Galicia e a concesión dunha Casa de Contratación para A Coruña. Denegada a primeira petición, Carlos I de Castela concedeu o 24 de decembro do 1522 o establecemento da devandita Casa de Contratación do Comercio coas Illas das Especias e as Illas Orientais (Asia e Oceanía), o que facilitou o negocio da especiería para os comerciantes e mercaderes galegos ata que desapareceu no 1529, ao se facer definitiva a pouca rendibilidade da ruta oriental das especias.