asemblea
(< fr assemblée < assembler ‘xuntar’)
-
s
f
Xuntanza de persoas reunidas fundamentalmente para deliberar e, eventualmente, tomar acordos.
Confrontacións: conferencia, congreso, convención, xuntanza. -
s
f
[BÉL]
-
Toque de timbal, trompeta, etc, para a reunión e formación das tropas.
-
Reunión numerosa de tropas para ser instruídas ou para entrar en campaña.
-
-
s
f
[DER]
Reunión de todos os compoñentes dunha sociedade, corporación e, en xeral, de calquera persoa xurídica, que constitúe o máximo órgano deliberante; a miúdo é chamada xunta. As asembleas de socios poden ser ordinarias ou extraordinarias. Xeralmente a asemblea ordinaria convócase de maneira periódica, como mínimo anualmente, e decide sobre a renovación dos cargos da xunta, aprobación das actividades realizadas, rendición de contas e orzamentos; a asemblea extraordinaria decide sobre cuestións excepcionais (modificación dos estatutos, disolución ou fusión da asociación, e outros temas que determinen os estatutos).
-
s
f
[POLÍT]
Congreso dun partido político.
-
asemblea constituínte
[POLÍT]
Asemblea extraordinaria que establece un novo texto constitucional.
-
asemblea de traballadores
[DER]
Órgano composto por todos os traballadores da empresa. A súa finalidade é o control dos representantes obreiros nos diferentes espacios de actuación dentro da empresa.
-
asemblea litúrxica
[RELIX]
Reunión de fieis destinada a proclamar e escoitar a palabra de Deus contida na Biblia ou a celebrar a Eucaristía.
-
asemblea nacional
[POLÍT/HIST]
Cámara baixa ou primeira cámara da República francesa, que ten a súa sede no Palais Bourbon de París. Está formada por 577 deputados, elixidos mediante sufraxio universal, directo e secreto cada cinco anos. Por influencia da institución francesa, tomou o nome de asemblea nacional a primeira cámara ou a cámara única nas constitucións das antigas colonias francesas (Alxeria, Camerún, Guinea, Costa de Marfil, etc), e doutros estados (Portugal, Turquía, etc). O nome de asemblea nacional xurdiu coa asemblea nacional constituínte francesa reunida o 9 de xullo de 1789, que foi transformada en asemblea lexislativa en 1791. A asemblea constituínte de 1848 deu paso á asemblea lexislativa de 1849. Unha nova asemblea nacional constituínte formouse en 1871 e perdurou ata 1875. Despois da Segunda Guerra Mundial reuníronse dúas asembleas máis (1945 e 1946). Aprobada a Constitución de 1946 o nome de asemblea nacional adaptouse para a primeira cámara, denominación que substituíu á de cámara de deputados e que se mantén vixente pola Constitución de 1958.
-
asemblea xeral da empresa
[DER]
Órgano composto por todos os traballadores da empresa, exceptuando os altos cargos directivos. O seu papel é esencialmente de control dos representantes obreiros nos diferentes órganos de participación dentro da empresa. Foi substituída pola asemblea de traballadores.
-
réxime de asemblea
[POLÍT]
Na tipoloxía dos réximes políticos democráticos, réxime caracterizado por un predominio absoluto da cámara representativa sobre o goberno, reducido ao papel de simple comisionado seu. Esta forma de organización do poder é expresión dunha democracia populista.
Frases feitas
-
Asemblea de fieis. A Igrexa Católica.