asesoramento
(
-
s
m
Acción e efecto de asesorar ou asesorarse.
-
s
m
[PEDAG/PSIC]
En educación o termo asesoramento ten connotacións distintas segundo se trate dende o eido da pedagoxía ou da psicoloxía, aínda que os propósitos sexan finalmente coincidentes. Así, se en xeral entendemos por asesoramento calquera acción que teña por finalidade asistir ou axudar a outro, no campo educativo, e dende un punto de vista estritamente pedagóxico, habería que falar de axuda en tarefas de programación global, coordinación de departamentos, selección de métodos axeitados para un mellor aproveitamento educativo tanto a nivel individual como colectivo, etc. Non obstante , diante das necesidades cada vez maiores que os sistemas educativos precisan, o asesoramento en educación ten nestes momentos un marcado carácter psicopedagóxico, que estende as súas competencias moito máis aló de cuestións puramente informativas ou de tratamento de casos específicos de educación especial. Habería que falar, pois, de asesoramento educativo dende tres puntos de vista ou enfoques perfectamente diferenciados aínda que complementarios e, en calquera caso, necesarios: o asesoramento informativo, o asesoramento orientativo e o asesoramento técnico, este último denominado tamén externo. Os dous primeiros normalmente desenvólvenos equipos, gabinetes ou departamentos especializados de carácter multiprofesional, situados ou non nun centro educativo, que tentan axudar e apoiar con todos os medios necesarios a comunidade escolar no seu conxunto ou a calquera membro desa comunidade que individualmente o precise. Para iso determinan as posibilidades físicas, psíquicas e intelectuais dos alumnos, pero tamén tentan definir obxectivos, tendo en conta as características e os intereses persoais e colectivos. Tamén poden habilitar medidas ou actividades recuperadoras que faciliten a consecución dos obxectivos propostos, orientar cara a un fin determinado ou definir posibilidades de acción. O asesoramento convértese así nunha forma de axuda sistemática que engade ao seu carácter preditivo e de diagnóstico, un prospectivo, de orientación, que reforza o seu valor como apoio ás tarefas educativas. O asesoramento tamén se entende como a acción de tomar consello unha persoa ou entidade doutra ou doutras. Este aspecto onde mellor se contempla é no asesoramento externo que normalmente levan a cabo profesionais pertencentes a calquera dos eidos de atención específica de alumnos e mesmo dos centros escolares. Este tipo de asesoramento realízano normalmente especialistas: médicos, asesores xurídicos, economistas e mesmo profesionais do mundo do ensino alleos á comunidade educativa dos que se precisa en momentos puntuais como pode ser a posta en marcha dunha reforma educativa; neste caso podería precisarse a opinión de especialistas en xestión educativa, deseño curricular e mesmo en calquera aspecto didáctico ou organizativo. De aí que este tipo de asesoramento pasou a chamarse técnico. Sexa cal sexa o tipo de asesoramento, parece claro, polo menos en educación, que se trata dunha actividade que tenta orientar ou aconsellar de maneira que se posibilite o desenvolvemento das funcións individuais ou colectivas que os individuos ou as institucións teñen que realizar, e sempre considerando as características contextuais e persoais de cada caso.