asirioloxía

asirioloxía

(

s f [HISTORIOG/ARQUEOL]

Disciplina que estudia as culturas de raizame asiriobabilónica, semítica, da antiga Mesopotamia. Non investiga, xa que logo, a cultura sumeria, non semítica, que ten campo propio de estudo na sumerioloxía. O termo é, entón, erróneo, pois nomea unha parte (Asiria) polo todo (Asiria, Acad e Babilonia). Asiria e Babilonia eran os herdeiros directos do Reino de Acad, cunha mesma lingua, o acadio. O primeiro interese da asirioloxía foi o de fornecer o relato bíblico de datos provenientes da investigación histórica. Pódese poñer como data de nacemento da asirioloxía o ano 1802, cando o alemán Grotefend descifrou parcialmente a escrita cuneiforme persa ou aqueménide. Foi seguido por diversos autores como os franceses Burnouf e Oppert, o noruegués Lassen, o irlandés Pincks e os británicos Talbot e, sobre todo, Rawlinson, no estudo da escrita cuneiforme, non só da aqueménide, senón tamén doutras como a acadia. Deste xeito ficaba aberto o camiño para a investigación das fontes escritas, que foron descobertas, acompañadas coa de toda sorte de restos arqueolóxicos, por unha multitude de arqueólogos que traballaron os xacementos, sobre todo do Iraq, dende o segundo terzo do s XIX. Pódese salientar a Koldewey (Babilonia, 1899-1914) entre os alemáns, Botha (Nínive, 1842; Hosrsabad, 1843) e Parrot (Lagaš o Tello, 1931-1933), entre os franceses e Layard(Kala Palatino; ḥ , 1845-1847, 1849-1851), Hall (Ur, 1919), Woolley (Ur, 1923) e Mallowan (Nínive, 1927-1932) entre os británicos. Destacou tamén a misión arqueolóxica norteamericana do Oriental Institute de Chicago a Kosrsabad. Moitos dos textos atopados nas escavacións foron editados por estudiosos como Knudtzon e Goetze, alemáns, King e Langdon, británicos, e Virolleaud e Thureau-Dangin, franceses. Partindo destas fontes, púidose traballar en diversas direccións e dende variados enfoques: análise exhaustiva da escrita cuneiforme, establecemento da gramática e do léxico acadio e das linguas semíticas mesopotámicas en xeral, a través da tradución de textos e estudios da historia e da cultura semítica de Mesopotamia. No primeiro campo cóntase con obras de gran valía sobre o silabario acadio (silabarios dos alemáns Deimel e von Soden, e dos franceses Thureau-Dangin e Labat). A gramática foi estudada polos alemáns Delitzch, Deimel, Ungnad, Borger e, sobre todo, von Soden. Estes estudios foron completados por unha serie de traballos sobre dialectoloxía acadia como os do francés Finet ou o finés Aro. Paralelamente, a lexicografía foi obxecto dunha atención especial, o vocabulario acadio, basicamente semítico, é ben coñecido (traballos de Deimel, von Soden e da Universidade de Chicago). Por outra banda, a lista de tradutores é moi numerosa. No campo da historiografía, máis difícil pola ausencia de fontes específicas, destacan, entre outros, os traballos dos alemáns Landsberger e Edzard e dos británicos Gadd e Wiseman.

Palabras veciñas

asiriano -na | asirio -ria | asirio-babilónico -ca | asirioloxía | Asís | asísmico -ca | asismismo