aspersor

aspersor

(< lat aspersu)

s m [TECNOL]

Aparello empregado nas instalacións de rego por aspersión que serve para esparexer, en forma de chuvia, a auga que lle chega a unha certa presión orixinada por unha instalación de bombeo ou ben por un dispositivo nun nivel máis alto. Un aspersor fixo constitúese, esencialmente, por unha embocadura que lanza o chorro cara a arriba e unha peza cónica, sobre a que incide, e que dispersa a auga en todas as direccións. Os aspersores xiratorios poden ser de rotación rápida e de rotación lenta. No aspersor xiratorio de rotación rápida, esta prodúcese pola reacción que orixina un cambio de dirección da auga; tanto estes como os fixos son aplicados só en xardinería. O aspersor xiratorio de rotación lenta permitiu a grande expansión do rego por aspersión na agricultura. Constitúese, esencialmente, dun cano, dunha lonxitude que varía entre 2 cm e 50 cm, acabado nunha embocadura que lanza a auga coa inclinación axeitada e que aproveita a enerxía da auga para facela xirar respecto a un eixe vertical. Amais, hai outro tipo de aspersores: nos aspersores de turbina un chorro secundario fai xirar un carrete provisto dunhas paletas ou culleres; este movemento rápido vai facendo xirar lentamente o aspersor. Nos aspersores de brazo oscilante, o chorro principal ou un secundario inciden sobre unha superficie curva situada na punta dun brazo ou panca que pode xirar arredor dun eixe. Por efecto desta incidencia, que empurra con forza o brazo, e dun resorte que o fai retornar, o aspersor vai xirando progresivamente.

Palabras veciñas

aspermia | áspero -ra | aspersión | aspersor | aspersorio | asperxes | asperxilo