astroquímica
(
Aplicación da radioastronomía e da espectroscopia ao estudo da abundancia dos elementos químicos no espazo interestelar. O 99% da materia interestelar atópase en forma de gas de baixa densidade, e o resto é po interestelar. O gas componse de amoníaco, auga, formaldehido, hidróxeno, ácido cianhídrico, metanol, etanol, sulfuro de hidróxeno, dióxido de xofre, ácido fórmico e outros. O po interestelar ten unha composición pouco coñecida, pero crese que podería conter silicatos, carbono amorfo, hidrocarburos aromáticos policíclicos, óxidos metálicos e outros compostos. As condicións do espazo interestelar fan que a actividade química que alí se produce sexa moi peculiar. Dunha banda, a temperatura é moi baixa e non pode haber reaccións que requiran aportación de enerxía, pero o longo tempo de reacción, a radiación cósmica e a presenza do po interestelar permiten a formación de moléculas bastante complexas.