Asturias

Asturias
Nome científico: [nome oficial: Principau de Asturies; cast: Principado de Asturias]

Comunidade autónoma do estado español, constituída pola vertente marítima do extremo occidental da cordilleira Cantábrica, entre Galicia, ao O, e La Montaña (Cantabria), no L. (10.604 km2; 1.087.885 h [1996]). Abrangue a provincia de Asturias, constituída por 78 municipios (1996). A capital é Oviedo.
Xeografía física
Asturias está estruturada en dúas cordilleiras paralelas, unha litoral e outra interior, orixinadas polo realzamento dunha antiga cordilleira herciniana que enmarcan unha depresión prelitoral. As cordilleiras xúntanse no O nun cóbado de altitudes modestas (1.000 a 1.500 m) chocando coas serras orientais galegas. No L, a morfoloxía cárstica suave, de cume inferior a 1.500 m, é unha plataforma de abrasión mariña emerxida (rasa), tallada por numerosos ríos. Nas serras interiores a liña do cume sobrepasa xeralmente os 2.000 m. No O predominan os materiais palozoicos duros. No extremo L, os Picos de Europa, de morfoloxía calcaria, acadan as altitudes máximas da rexión (Torre de Cerredo, 2.642 m). A depresión prelitoral esténdese desde os arredores de Oviedo ata o L. O clima é oceánico, modificado pola altitude nas montañas e por unha certa continentalidade na depresión prelitoral. Na costa, as chuvias son fortes e regulares (1.000 mm anuais en Gijón). As temperaturas son suaves e de pouca oscilación: a media do mes máis frío, xaneiro, é de 9,3° C e a do mes máis cálido, xullo, 19,6° C. Os ríos son curtos e caudalosos; os máis importantes son o Nalón (cun caudal de 107 m3 /s), o Navia e o Narcea.
A vexetación e a fauna
En Asturias predominan as paisaxes atlánticas de caducifolias, matogueiras e pasto. As especies arbóreas predominantes son os carballos, os freixos e as abeleiras. Nas ladeiras da cordilleira Cantábrica atópanse faiais ata os 1.500-1.800 m, onde comeza un piso de matogueiras cun estrato arbóreo claro formado por bidueiros e capudres. Os macizos máis altos presentan vexetación alpina. Na zona oriental, hai comunidades mediterráneas como os aciñeirais. Carballeiras e freixedos naturais foron a miúdo substituídos por castiñeiros, piñeirais ou eucaliptais. Na montaña, os prados de pasto e de herba teñen unha grande extensión. Os elementos da fauna asturiana máis singulares, no contexto peninsular, son propios da rexión eurosiberiana e constitúen poboacións relitas meridionais; durante a última glaciación a súa distribución desprazouse cara ao sur e retrocedeu de novo cara ao norte ao finalizar aquela, deixando tras de si poboacións illadas nos macizos montañosos máis importantes. Estes núcleos relitos meridionais, acantonados en bosques de montaña, constitúen, no contexto ibérico, elementos do grupo faunístico norteño. Así entre os anfibios destaca o tritón pirenaico que se localiza como poboación illada do continxente europeo e morfoloxicamente diferenciada con categoría de subespecie como Triturus alpestris cyreni; entre os réptiles, a lagartixa das brañas; entre os mamíferos, a trilladeira nival, o leirón rilón, a rata tobeira, a lebre do piornal e o rebeco; e entre as aves, a perdiz pardilla, a pita de monte, o chasco rabipinto, a azulenta papuda, a choia piquiamarela, o peto negro, o peto mediano, a pica patinegra, o gabeador vermello, o gabeador norteño, a estreliña norteña, o verderolo serrano, a escribenta amarela e o ferreiriño caluguinegro. Por outra parte nos cantís e illotes costeiros aniñan especies mariñas como o paíño, o corvo mariño cristado, a gaivota patiamarela e as gabitas. Outras especies asturianas como o oso e o lobo, que no pasado estaban presentes en toda a Península, atopan en certas áreas da montaña asturiana un refuxio onde subsistir. Case un terzo do territorio asturiano ten consideración de Espacio Natural que, á parte de numerosas paisaxes protexidas e monumentos naturais, está constituído polo Parque Nacional dos Picos de Europa, os Parques Naturais das Fuentes del Narcea y del Ibias, o Parque Natural de Somiedo, o Parque Natural de Redes e as Reservas Naturais de Muniellos, Pelopo, Cueto de Arbás, Ría do Eo, Ría de Villaviciosa, Barayo, Cueva de las Caldas, Cueva del Sidrón, Cueva Rosa e Cueva del Lloviu.
Xeografía humana
A poboación de Asturias concéntrase no litoral e na conca central mineiro-industrial, onde 21 municipios reúnen os 3/4 da poboación do Principado. Dende 1900 Asturias experimentou un crecemento demográfico feble, e no comezo da década de 1990 a poboación practicamente se estancara, cousa que provocou o seu avellentamento (en 1991 cerca do 40% da poboación tiña máis de 45 anos). Historicamente, a emigración afectou moito ás áreas rurais; o éxodo foi absorbido polas grandes cidades, en especial Gijón, Oviedo e Avilés. A densidade de poboación en 1996 era de 102,59 h/km2.
Xeografía económica
A industria pesada e a minería situaron tradicionalmente a Asturias entre as rexións máis desenvolvidas do estado español, pero a partir de 1973 o sector entrou en crise. A gandería ten moita importancia, especialmente a produción do leite, aínda que na década de 1990 comezou a substituírse pola comercialización de carne. A agricultura depende da gandería, aínda que a maior parte da superficie agraria está destinada a pastoreo e forraxe. Cultívanse millo, centeo, patacas, fabas e froitas (mazás para a elaboración da sidra). Son importantes a explotación forestal e a pesca (sardiñas). Os principais portos son Avilés, Gijón e Luarca. O carbón, que abastece a siderurxia asturiana, ten os principais xacementos nas concas do Nalón e nos seus afluentes, Caudal e Aller. A partir da década de 1980 converteuse nun sector fortemente deficitario e, desde 1992, está sometido a unha profunda reconversión. Aínda que tamén en regresión, destacan as explotacións de espato flúor, de cuarzo e de caolín. A siderurxia, concentrada nos grandes complexos de Avilés, Mieres e La Felguera, é tamén fortemente deficitaria e foi obxecto de sucesivos plans de reconversión desde a segunda metade da década de 1980. As producións máis importantes son o ferro fundido, o aceiro e os laminados. Asturias era en 1990 un dos principais produtores de zinc do mundo. Son tamén importantes o aluminio e o cobre comercial. En Gijón hai industrias de cemento, vidro, alimentación, construción naval, etc. En Oviedo e Trubia destaca a fabricación de armas e explosivos. En Oviedo e Gijón concéntranse a maior parte dos servicios comerciais e financeiros da comunidade autónoma. En 1990, o 18´9% da poboación activa estaba dedicada á agricultura, o 32´7% á industria e o 48´3% aos servicios.
Historia
O nome de Asturias experimentou variacións na extensión dos territorios aos cales fora aplicado. Distínguense entre Asturias de Oviedo e Asturias de Santillana (Liébana, Asturias de Santander, entre os ríos Saja e Miera, e Asturias de Trasmiera, de Castiello ou de Santa María de Portu entre o Miera e o Asón), a cal en 1823 pasou a formar parte da provincia de Santander. O resto da rexión constituíu a provincia de Oviedo, que coincidiu coa Asturias actual. Atópanse vestixios do Paleolítico Medio (industrias musterienses) e o Paleolítico Superior está abundantemente representado (covas do Pindal, Tito Bustillo, Buxu, Peña de Candamo, do grupo franco-cantábrico). Durante o Mesolítico foi o centro da cultura asturiana. No I milenio a C o país foi ocupado polos ástures, conquistados polos romanos. Formou parte do convento de Astúrica Augusta (actual Astorga) da Tarraconense. Durante o Baixo Imperio pertenceu á Gallaecia. Despois das invasións xermánicas, formou parte do reino suevo ata que este foi conquistado polos visigodos (585) e, caído este, converteuse nun núcleo de preservación e posterior expansión dos cristiáns contra os musulmáns (Reino de Asturias), que despois (914) desprazou o seu centro á parte setentrional da Meseta (Reino de León). En 1388, nas cortes de Briviesca foi creado o Principado de Asturias. Na primeira etapa da Idade Moderna produciuse un fortalecemento dos propietarios en prexuízo dos labregos, sometidos a un réxime de tenencia da terra caracterizada polo arrendamento e o foro, e a emigración foi intensa. En 1608 foi creada a Universidade de Oviedo. O reformismo dos Borbóns -que crearan en 1717 a audiencia de Asturias- tratou de impulsar a economía asturiana con novos cultivos, o aproveitamento dos bosques para a construción naval e unha incipiente metalurxia. O carbón de pedra foi descuberto na metade do s XVIII e, co fin de favorecer a explotación, aplicóuselle unha lexislación proteccionista. A liberdade de comercio con América (1778) ocasionou o desenvolvemento dunha pequena burguesía comercial e abriu un inmenso campo á emigración. Fundouse unha Sociedad Económica de Amigos del País e o Real Instituto Asturiano (1797). Asturias permaneceu, malia todo, cunha estrutura social e xurídica moi arcaica. No s XIX a desamortización non alterou a estrutura agraria, e a emigración continuou. A hulla asturiana non chegou para abastecer a metalurxia de Bizkaia, e o seu aproveitamento quedou ligado ao desenvolvemento da siderurxia asturiana -o primeiro alto forno de coque é de 1848-, que non coñeceu ata a adopción de medidas proteccionistas (1880) un brío que culminou nos boom da Primeira Guerra Mundial e no 1929. A recesión da década de 1930 combateuse con medidas de protección do carbón asturiano, reforzada pola autarquía posterior á Guerra Civil española (1936-1939). O franquismo outorgou unha importante protección estatal nos sectores mineiro e industrial asturianos. En 1973-1974 a desproporcionada dimensión das industrias e a xestión desaxeitada provocaron unha primeira crise nestes sectores; na década de 1980, a crecente liberalización dos mercados a raíz da entrada de España na Comunidade Económica Europea (1986) provocou unha segunda crise que obrigou a unha profunda reconversión. Na segunda metade do s XIX o caciquismo foi recuando co desenvolvemento do proletariado mineiro e industrial, que se converteu no factor predominante da política rexional e nunha das principais forzas obreiras peninsulares, sobre todo desde o ano 1890. Os mineiros constituíron o núcleo fundamental do movemento obreiro asturiano. En 1881 tivo lugar a primeira folga importante, e o arraigamento socialista no congreso de Bilbao en 1890. En 1901 foi fundada a Federación Socialista da Rexión Asturiana. Os conflitos entre as tendencias “autoritaria” e “liberal” -dirixida moito tempo por Eleuterio Quintanilla- acabaron coa vitoria socialista na conca mineiro-metalúrxica. As folgas dos xornaleiros de Gijón (1901), dos mineiros de Mieres (a “Huelgona”, no ano 1906) e a de Duro-Felguera (1912) foron perdidas polos obreiros pero, posteriormente, a puxa polo prezo do carbón durante a Primeira Guerra Mundial facilitou as reivindicacións e a Folga Xeral de 1917, que se desenvolveu con gran violencia, e fixo que en 1919 se conseguisen melloras laborais. A crise do carbón ao remate da guerra debilitou gravemente ao Sindicato Minero, que colaborou coa UGT ata 1927. A connivencia da UGT coa patronal durante a Ditadura de Primo de Rivera favoreceu o nacemento do Partido Comunista, fundado por elementos procedentes do socialismo máis radical. Nos feitos de outubro de 1934 e na Guerra Civil Española (1936-1939) a loita revolucionaria adquiriu un grao de violencia inusitado. Dende a década de 1960 Asturias foi escenario de frecuentes mobilizacións. O Estado fíxose cargo progresivamente dos sectores mineiro e siderúrxico (creación de ENSIDESA en 1950 e de HUNOSA en 1966). Xa en setembro de 1978 Asturias obtivo un réxime preautonómico, presidido polo socialista Rafael Fernández. Coa aprobación do Estatuto de Autonomía ao amparo do artigo 143 da Constitución Española, en xaneiro de 1982 Asturias convertíase en Comunidade Autónoma. Nas primeiras eleccións á Junta General del Principado (1983) o PSOE acadou maioría absoluta (26 escanos dun total de 45) seguido de Alianza Popular e do Partido Comunista. O socialista Pedro de Silva converteuse no primeiro Presidente autonómico. A mediados da década de 1980 a reconversión industrial levou a un forte incremento da conflitividade laboral e social. Nas eleccións de 1987 e 1991, o PSOE conservou o primeiro lugar, aínda que obtendo peores resultados. Na segunda lexislatura Pedro de Silva continuou na Presidencia do Principado, que en 1991 pasou ao seu compañeiro Juan Luis Rodríguez-Vigil, quen demitiu en 1993. O Partido Popular foi incrementando a súa representación ata acadar o triunfo nas eleccións de 1995, obtendo a Presidencia da comunidade Sergio Marqués. O enfrontamento de Marqués co secretario xeral do seu partido e vicepresidente do Goberno de España, o asturiano Javier Álvarez Cascos, levouno a abandonar o PP e presentarse ás eleccións de 1999 cun novo partido. Nestes comicios os socialistas recuperaron a Presidencia na persoa de Vicente Álvarez Areces.