Astúrica Augusta
Cidade romana fundada como campamento militar por Octavio Augusto na provincia Tarraconense entre os anos 25 e 14 a C, hoxe coñecida co nome de Astorga. Avanzada militar cara ao noroeste durante as Guerras Ástur-cántabras, entre as unidades militares destinadas en Astúrica Augusta cómpre citar a Legio X Gemina, ou a Cohors IV Gallorum. Ao redor do establecemento militar foise construíndo a cidade, plenamente configurada contra os anos 16-13 a C. Octavio Augusto converteuna na capital do convento xurídico asturicense. En tanto que capital do convento, era o seu centro político e económico, residencia do legatus iuridicus, persoa encargada de transmitir os mandamentos do gobernador da provincia á xurisdición conventual, do procurator, encargado da facenda e do recadamento dos impostos e do procurator metallorum, administrador das minas. Astúrica, punto central da rede viaria do norte da Península Ibérica, será nó das rotas de minerais e centro catalizador da riqueza aurífera do noroeste peninsular. A cidade amurallouse durante as invasións bárbaras dos ss III-V. A súa decadencia comezou co declive da minería local. O Museo dos Camiños, sito no Pazo Episcopal, reúne importantes pezas que refiren a intensa colonización romana.