atallada
Aparello de marisqueo, que pode ser utilizado tanto a pé como dende unha embarcación. Consiste nunha rede de estrutura semellante ás betas, conformada por unha malla de abertura variable, e que se distribúe por panos de rede unidos uns a outros. Para traballar con ela búscase un lugar polo que vaia pasar o peixe e, cando está a marea baixa, crávase o aparello na area por medio dunhas estacas, fixándoo cuns rizóns ou pedras. Unha vez subida a marea, e mediante as cortizas da propia rede, o aparello queda tirante e listo para que os peixes enmallen nel. Tamén se pode colocar o aparello dende unha embarcación e coa marea chea, pero é un procedemento dificultoso que require máis traballo. O xeito de colocar a atallada varía segundo a zona na que se sitúe: en círculo, rodeando un banco de peixe ou en liña cando se pretende tapar unha saída dese propio banco (un esteiro, a desembocadura dun río, etc). Por outra banda, o tamaño do aparello dependerá da extensión da zona que se pretende cubrir, podendo chegar aos 300 ou 400 metros. A mellor época para pescar con atallada é a primavera e o verán, e con ela captúranse fundamentalmente muxos e sollas.