Atán, Santo Estevo de
Igrexa románica de Pantón que pertencía a unha fundación monástica bieita e que agora é unha igrexa parroquial. Tipo de construción de nave e presbiterio únicos na que o máis salientable son as portadas e os beirados, cun traslado pouco usual dos canzorros do muro sur da nave á casa reitoral anexa. A porta norte ten o arco, lixeiramente apuntado, en bocel, sobre o que se dispoñen cinco arquiños que non abranguen toda a rosca. Os capiteis que sosteñen a arquivolta son góticos. O seu repertorio iconográfico e decorativo semellan relacionala co obradoiro xurdido en San Xoán de Portomarín, que difundiu as súas solucións pola comarca. A data de construción desta igrexa sitúase ao redor do 1225. Este monumento foi declarado Ben de Interese Cultural en 1975.