Atapuerca
Conxunto de xacementos arqueolóxicos (Ibeas, Burgos) ben diferenciados onde se atopa a clave da evolución humana durante o Plistoceno medio en Europa. Do conxunto de depósitos espallados polas covas da serra, tres foron escavados durante os últimos vinte anos: Trinchera Galería (TG), Trinchera Dolina (TD) e a Sima de los Huesos (SH), proporcionando fósiles que permitiron reconstruír un dos conxuntos de homínidos máis completos coñecidos en Europa. Na Sima de los Huesos ata finais do século XX recuperáronse diversos fragmentos óseos e algúns cranios pertencentes a preto de trinta individuos asignados polos seus descubridores á especie Homo heidelbergensis, precursor do Neandertal, datados hai 250.000 anos. Non aparecen asociados a industrias líticas ou con pegadas de carnívoros, polo que as causas da súa acumulación poderían deberse a algún acontecemento catastrófico ou acción humana. En Trinchera Dolina apareceron máis de 80 fósiles humanos de todas as partes do esqueleto, dentes e fragmentos óseos, situados por debaixo do límite de polaridade Bruhnes-Matuyama, polo que serían anteriores a 780.000 anos. En maio de 1997 fíxose pública na revista Science a denominación dunha nova especie para estes restos: Homo antecessor. Os seus descubridores sitúana como predecesora dos neandertais europeos, a través das poboacións de Mauer, Aragó e Sima de los Huesos, e da Humanidade moderna. Os restos fósiles pertencentes a seis individuos atopados no nivel TD-6, teñen marcas producidas por instrumentos de pedra (nese mesmo nivel apareceu numerosa industria lítica preacheulense) que nos indican que foron consumidos por outros seres humanos. Por último, Trinchera Galería foi unha trampa natural onde os humanos ían esporadicamente aproveitar a carne dos animais mortos en accidente. En momentos máis recentes da Prehistoria, atopáronse os depósitos da cova Mayor, que documenta unha estratigrafía que vai dende o Neolítico ata o Bronce Final, ou da Galería do Sílex, interpretada como un santuario contemporáneo do depósito anterior. Aínda quedan, sen embargo, numerosos depósitos sen escavar (cova do Mirador, etc) ou que están nas súas primeiras campañas (cova de Zarpazos, Trincheira do Elefante).