Atenas
Capital de Grecia e do nomós da Ática (748.110 h [1991]). Situada na chaira drenada polo Cefís e o seu afluente, o Ilís, a cidade ten un clima caloroso e moi seco. É o primeiro centro industrial do país, pero as principais funcións da cidade son a comercial, a cultural e as político-administrativas, derivadas da súa condición capitalina. O rápido crecemento da cidade foi ocasionado, en gran parte, polo fluxo de refuxiados procedentes de Turquía (1923) e de fuxitivos da Guerra Civil (1944-1948). O seu porto, o Pireo, atópase a 8 km do centro da cidade. É sé arcebispal ortodoxa (igrexa de Grecia). Entre os monumentos da Antigüidade clásica destaca o conxunto da Acrópole; ao seu pé están as ruínas da ágora, ao O da cal está o Teseon (s V a C), templo dórico moi ben conservado. Acaroado ao outeiro da Acrópole está o Teatro de Dionisos (s IV a C), refeito varias veces, e o Odeón de Herodes Ático (s II). Da época bizantina consérvanse varias igrexas de reducidas dimensións e de gran riqueza arquitectónica. Entre os museos, o máis importante é o Museo Arqueolóxico Nacional, cunha das mellores coleccións de arte grega. Na Antigüidade, Atenas foi unha polis grega que abranguía toda a Ática. De orixe micénica, foi poboada por xente de dialecto xónico. Na mitoloxía, Cécrops figura como fundador da cidade, antigamente chamada Cecropia. O primeiro goberno da cidade, monárquico, cedeu pronto a un triunvirato composto polo rei, o polemarca ou xeneral ao mando, e o arconte. Chegouse ao número definitivo de nove arcontes que gobernaban dende o areópago, asemblea aristocrática. No s VII a C o aumento da riqueza orixinou un incipiente proletariado e conflitos sociais, configurándose dúas tendencias, unha aristocrática e outra democrática, que pesaron alternativamente sobre Atenas. O primeiro intento de tiranía foi o de Cilón (630), que tentou apoderarse da Acrópole, pero foi vencido. Esta primeira loita fixo evidente a necesidade dunha reforma constitucional de tipo aristocrático como a que realizou Dracón co seu código (621), dunha rixidez logo arrombada pola reforma de Solón (594), que creou unha constitución timocrática, aínda aristocratizante. Despois veu un período de tiranía: Pisístrato (561-528), sucedido polos seus fillos Hipías e Hiparco. Rematada a tiranía, Clístenes artellou unha nova reforma constitucional de tipo democrático. A axuda de Atenas ao alzamento das cidades xónicas contra o Imperio Persa provocou a expedición de castigo do Rei persa Darío, derrotada na chaira de Maratón polas tropas atenienses de Milcíades (490). De seguido, tomou o poder Temístocles, que despois da derrota ateniense contra os persas nas Termópilas (480), venceu aos persas en Salamina, Platea e Micala. O triunfador Temístocles organizou a xuntanza dunha liga de estados gregos, a Confederación ou Liga de Delos, que pronto derivou nun imperio ateniense de marcado carácter talasocrático. Fixéronse co poder Efialtes e Pericles: o primeiro conseguiu unha reforma constitucional democrática e foi asasinado; Pericles acadou a paz cos persas (449) e cos espartanos (445), e ergueu definitivamente Atenas cun goberno ilustrado dirixido por un equipo de letrados e artistas. Co asedio de Potidea comeza a Guerra do Peloponeso entre Atenas e a alianza peloponesa encabezada por Esparta (431-404); no ano 405 Atenas demanda a paz a Esparta. Posteriormente, Atenas vai perdendo autonomía e cae baixo a hexemonía espartana ao aceptar a Paz de Antálcides (387), someténdose despois á hexemonía de Tebas, e ao Imperio Macedonio de Filipo e Alexandre, con quen Atenas queda definitivamente arredada da política e da cultura ata a época romana, na que a honraron emperadores filohelénicos como Adriano e Marco Aurelio. A tendencia constante que se observa na evolución das institucións atenienses foi cara a unha clara redución dos poderes da aristocracia e un avance dirixido á chamada democracia. A pesar da valorización que dende o Despotismo Ilustrado tivo a democracia ateniense, Atenas foi un estado de base escravista na que só posuían dereito a voto os cidadáns atenienses de pleno dereito, parte moi exigua da poboación; o sufraxio universal só se estableceu durante o breve período de goberno de Efíaltes. De feito, pódese definir como unha oligarquía bastante xeneralizada. A estruturación social ateniense adquiriu a súa definitiva configuración coa Constitución de Solón (594), que distinguía catro clases: os pentacosiomedimnoi, cunha fortuna superior a 500 medimnoi de gran; os hippei ou cabaleiros; os zeugitas ou soldados da infantería; e os thetes, os máis pobres. Por debaixo destes, sen dereitos cidadáns, estaban os escravos e os labregos. No s IV, os templos transformáronse por orde imperial en igrexas cristiás. No s XII Atenas experimentou un certo rexurdimento económico grazas ás manufacturas de seda introducidas pola colonia xudía. En 1205 Odón de la Roche fundou o Ducado de Atenas, que foi conquistado pola Compañía Catalana no 1311, permanecendo baixo soberanía aragonesa ata 1388, data na que pasou a Florencia. No s XIV, a capital civil e eclesiástica do ducado pasou a Tebas. Mohamed II conquistouna en 1456. Liberada do dominio turco, foi declarada capital do Reino de Grecia (1834).