Atenas, Ducado de
Territorio do Imperio Latino de Oriente na Beocia e na Ática, establecido como señorío no 1204 a prol do nobre francés Odón de la Roche, coñecido como Odón I de Atenas. O Ducado pasou de herdeiro en herdeiro ata Gualterio I de Atenas, quen contratou os almogávares (1310) para combater a Ana, señora do Despotado de Arta e inimiga de Gualterio. Cando este racha os pactos cos aragoneses, os almogávares vínganse e dan morte ao Duque na Batalla de Cefís (1311), converténdose entón o Ducado francés de Atenas en Ducado aragonés de Atenas. Federico II de Sicilia, por solicitude dos almogávares, nomeou Duque ao seu fillo Manfredo I de Atenas (1312-1317) e despois ao seu outro fillo Guillerme II de Atenas (1317-1338), durante o goberno do cal foi conquistado e unido ao seu dominio o Ducado de Neopatria (1319). Os almogávares permanecían como propietarios legais do país, gañado polas armas, que en teoría era feudatario do Duque real, que nomeaba un vigairo xeral como xefe executivo do Ducado, que lle xuraba fidelidade. Os aragoneses gobernaban o Ducado de Atenas, baixo o vigairo xeral do Duque, por medio dunha corporación, a Universidade de Cetines, cos seus propios oficiais civís e militares (capitán e veguer) e os seus propios síndicos, prohomes e consello. Os municipios, organizados segundo o sistema catalán, estaban rexidos polos usatges (usos) de Barcelona. Os consellos municipais de Atenas e de Neopatria estaban formados por gregos e aragoneses. Tebas era o centro político, comercial, industrial e eclesiástico do Ducado de Atenas. Foi o corazón das colonias aragonesas de Grecia ata a súa caída fronte aos navarros (1379). Posteriormente (1388) o florentino Nerio Acciaiuoli asediou Atenas e tomouna; Neopatria foi ocupada no 1390. Os reis conservaron o título de Duque de Atenas e Neopatria cando menos ata o s XVII, pero non o dominio. Os Acciaiuoli rexeron o Ducado de Atenas ata que foi ocupado polos turcos (1456).