ateneo

ateneo

(

  1. s m
    1. Asociación científica e literaria dedicada a elevar o nivel intelectual dos seus socios mediante discusións, conferencias, cursos e lecturas. O nome provén do templo dedicado a Atenea en Atenas e o Ateneo de Roma, e foi aplicado a diversas sociedades xurdidas en París na fin do s XVIII: Athénée de París (1785) e Athénée des Arts (1792). W. Scott e T. Moore fundaron en Londres a asociación The Atheneum (1824); A. Galiano e outros liberais fundaron en Madrid o Ateneo Científico e Literario (1820). En Galicia e América, fundáronse, entre outros, o Ateneo Ferrolán (1879), o Ateneo Científico, Literario y Artístico de La Coruña (1885), o Ateneo Cultural de Villalba (1934), o Ateneo de Galicia en México (1962) e o Ateneo de Pontevedra (1965).

    2. Calquera asociación de carácter cultural.

      Ex: A próxima semana haberá moitas actividades organizadas polo ateneo.

      Sinónimos: academia.
    3. Local onde ten a sede unha asociación cultural.

      Ex: Preciso o enderezo do ateneo.

  2. ateneos libertarios

    A aparición dos Ateneos e Círculos de Recreo como espacios de sociabilidade no tempo libre prodúcese no Estado español na primeira metade do século XIX, alentados pola burguesía e as capas artesáns. Non obstante , a “apropiación” deste espazo por parte do proletariado organizado, para desenvolver fóra das horas de traballo un xeito de cultura propia da clase obreira, acontece na segunda metade da pasada centuria. En Galicia, estas experiencias chegarán con moito retraso, na alborada do século XX. E, aínda que todas as correntes ideolóxicas do obreirismo botaron man deste tipo de sociedades, cómprelles aos anarquistas un maior esforzo e dinamismo no seu devir. De feito, a intensa actividade sindical dos ácratas tivo como compañeiras unha non menos teimuda propaganda do ideario, xunto con numerosas tentativas de divulgación cultural entendidas como un fin en si mesmas. Neste contexto cómpre situar o fenómeno dos diversos Ateneos Libertarios e Centros de Estudios Sociales animados pola militancia anarquista en Galicia. Abriu camiño o emblemático Centro de Estudios Sociales Germinal, artellado na Coruña en 1902 por un grupo de mozos anarquistas; un ano despois seguíronlle os CES de Pontevedra, Vigo e Compostela. En todos eles, a familia obreira accedeu á instrución nas bibliotecas e participou dun repertorio teatral, coral e poético, nos que manifestou o seu desexo de emancipación. Despois, arredor da Primeira Guerra Mundial, os ácratas empregaron a fórmula do Ateneo Sindicalista para, amais de atender aos fins devanditos, agrupar os seus simpatizantes alí onde os socialistas detentaban a hexemonía nas sociedades obreiras, caso de Vigo e de Ferrol. Cando a Segunda República, a redución do analfabetismo e a rebaixa da xornada laboral posibilitaron a proliferación de Ateneos e CES nas zonas de influencia da CNT. A Coruña, cunha ducia de centros nos arrabaldes, e Vigo, sede dunha Federación Provincial de Centros Culturales Anarquistas y Juveniles, coñeceron a maior densidade.