Athos, monte

Athos, monte

Montaña de Grecia que conforma a máis oriental das tres penínsulas da Calcídica e que acada os 2.033 m de altitude. Toda a península está habitada por monxes, polo que tamén é chamada Hágion Óros (Monte Sagrado), e os seus habitantes e as súas tradicións, hagioritas. No 963 santo Atanasio fundou o principal mosteiro, chamado a Gran Laura, onde instaurou a vida cenobítica. A partir dos ss XII-XIII floreceu en Athos a doutrina do hesicasmo, que tivo a súa principal figura en Nicolao Cabásilas (s XIV). Un terceiro período, a partir do s XIV, caracterízase pola introdución nalgúns mosteiros da idiorritmia, vida cenobítica cunha independencia bastante grande dos membros da comunidade. Actualmente, a “república monástica” do Monte Athos comprende 20 mosteiros, dos cales dependen as celas (πέλλια), onde viven os ermitáns solitarios, e as skite (σκύται), nome que designa pequenos gupos de celas, chamadas neste caso kalyvé (παλυβαί). Na actualidade, o número total de monxes non chega aos 2.000.