Atila
Rei dos hunos (434-453), pobo nómade procedente dos confíns orientais de Europa. Foi o sucesor xunto co seu irmán Bleda do seu tío Ruas. No 444 Bleda foi asasinado. Atila intentou unificar as diversas tribos dos hunos, así como outros grupos heteroxéneos aliados ou sometidos, chegando a dominar un vastísimo territorio que comprendía as chairas de Rusia meridional e de Ucraína, e practicamente toda a conca do Danubio. A presión exercida contra o Imperio Romano, que formou unha coalición con diversos pobos bárbaros de Occidente, desembocou nun enfrontamento aberto. A batalla decisiva aconteceu nos Campos Cataláunicos (451), na Champagne, onde os hunos sufriron unha gran derrota ao seren vencidos polo Emperador Aecio e o visigodo Teodorico. Atila retirouse á Panonia, pero pouco tempo despois invadiu o norte de Italia seguindo o curso do río Po. No 452 chegou ás portas de Roma, case indefensa, pero trala intercesión do Papa León I decidiu, sorprendentemente, respectar a urbe e retirarse cos hunos cara ao norte. Morreu no 453 e o seu imperio non tardou en disgregarse. Coñecéuselle como a azouta de Deus; a lenda dicía que onde o seu cabalo pisaba, non volvía crecer a herba.