Atlas Lingüístico da Península Ibérica

Atlas Lingüístico da Península Ibérica
Nome científico: [ALPI]

Atlas lingüístico de tres linguas románicas peninsulares: catalán, castelán e portugués. Foi publicado o primeiro volume en Madrid en 1962 polo CSIC. O seu director foi Tomás Navarro Tomás, quen coordinaba un grupo numeroso de colaboradores. Suprimiu as cidades e dedicou unha atención especial ás vilas arrecantadas, inmunizadas fronte a contaminacións lingüísticas. Cada área idiomática foi investigada por varios lingüistas, agás o territorio galego, do que se encargou case totalmente o investigador galego Aníbal Otero. Cando comezou a Guerra Civil no ano 1936, Aníbal Otero e Nobre de Gusmão iniciaron as investigacións en Portugal para facer constar as variedades do norte portugués. O exilio obrigou ao seu director a establecerse en Nova York e, posteriormente, na década dos 50, entregou todo o material ao CSIC para que continuase o seu labor investigador. O ALPI foi un punto de partida moi importante para a xeografía lingüística na Península e tamén para a lingua galega, xa que Aníbal Otero deixou un mapa bastante exacto da distribución dos fenómenos lingüísticos do galego e do castelán en Galicia.