Atlas
Atlas
[MIT]
Un dos titáns, de moi diversa xenealoxía: fillo de Xápeto e de Clímene ou de Asia; de Éter e de Terra ou de Hémera; de Urano ou de Neptuno e de Clito. Foi pai das pléiades, das híades, de Calipso, de Hésper e de Hias. Segundo Homero, soporta as altas columnas que separan a terra e o ceo e, segundo Hesíodo, foi condenado a termar do ceo como castigo por formar parte na guerra dos titáns contra os deuses (xigantomaquia). Atlas foi perdendo o seu orixinario carácter de titán para se converter en fillo de Hésperis, entrando a formar parte da estrutura do mito das Hespérides e do seu xardín. Os artistas representárono como un xigante forzudo e nu que terma da bóveda celeste.