Atlas

Atlas

Sistema montañoso alpino duns 2.700 km de lonxitude, paralelo á costa de África noroccidental, que atravesa Marrocos, Alxeria e Tunicia. Limita polo N co mar Mediterráneo, no S co deserto do Sáhara, polo O chega ao Atlántico e polo L prolóngase alén do mar ata Sicilia. O Atlas é o único exemplo africano de oroxenia alpina, que principia no Xurásico Superior e renóvase no Cretácico Superior, continuando ata o Mioceno. Está formado por cadeas de montañas de estrutura e aspecto diferente. O Gran Atlas, a cadea máis importante, esténdese por Marrocos en dirección SO-NL, desde o cabo Rhir, no Atlántico, ata o Sehl Tamlélt e culmina no Djebel Toubkal (4.165 m de altitude). O Atlas Medio (Atlas Moutaouâssit) esténdese por Marrocos, e enlaza co Gran Atlas e o Rif. Son montañas calcarias con dobramentos de estilo xurásico que culminan no Djebel Bou Naceur (3.343 m) e o Djebel Bou Iblan (3.190 m). O Atlas Sahariano esténdese desde o Sehl Tamlélé ata Tunicia atravesando Alxeria, e culmina no Djebel Chelia (2.328 m). O Anti-Atlas ou Pequeno Atlas esténdese por Marrocos meridional desde as costas do Sáhara occidental ata o val transversal do uadi Draa (Oued ed-Dra), que o separa do Sáhara; os sucos dos uadis Todrha, Dades e Sous sepárano do Gran Atlas. O Atlas do Tell esténdese desde o uadi Moulouya ata a Annaba e culmina no pico Lalla Kredidja (2.308 m). Está dividido no Tell do litoral e no Tell do interior, separados por unha gran chaira sublitoral.

Palabras veciñas

atlanto- | atlantropo | atlas | Atlas | Atlas | Atlas | Atlas