atlas

atlas

(< lat Atlas < gr )

    1. s m [BIBLIOT/XEOG]

      Colección sistemática de mapas ou esquemas cartográficos. Poden ser xerais ou universais, nacionais, rexionais, como tamén estritamente xeográficos, históricos, económicos, etc.

    2. atlas celeste BIBLIOT/ [BIBLIOT/ASTRON]

      Colección de mapas celestes que ordena desde os poucos centenares de estrelas máis brillantes, visibles a simple vista, ata os millóns de estrelas, conglomeradas e nebulosas, visibles só con grandes telescopios.

    3. atlas climatolóxico BIBLIOT/ [BIBLIOT/METEOR]

      Recompilación de datos meteorolóxicos expostos sobre a base cartográfica dun territorio en concreto.

    4. atlas lingüístico [LING]

      Conxunto de mapas que reflicten a distribución espacial dos feitos lingüísticos. As linguas son realidades multiformes que presentan variacións en función do espacio, dos estratos sociais, da idade e doutros moitos factores, que quedan plasmados en maior ou menor medida nos mapas que integran un atlas lingüístico. Os mapas que forman un atlas lingüístico poden ser de diverso tipo: a) segundo o sentido polo que se percibe a información, poden ser sonoros, visuais ou mixtos; b) segundo o sistema de representación dos datos existen mapas en transcrición fonética, en transcrición ortográfica, mapas de símbolos ou mapas de isoglosas; c) segundo o grao de elaboración fálase de mapas puntuais e de mapas elaborados (e, dentro destes últimos, de mapas interpretados ou de mapas sintéticos); d) segundo o tipo de fenómeno estudiado os mapas poden ser: fonéticos, fonolóxicos, prosódicos, morfolóxicos, sintácticos, léxicos (nos que podemos atopar un tratamento onomasiolóxico, semasiolóxico ou motivacional), culturais, etc. Pero os atlas tamén se poden clasificar segundo a extensión xeográfica que abarcan: os atlas de grandes dominios, que cobren un territorio amplo, que adoita coincidir co dun Estado (tal é o caso, por ex, do Atlas Linguistique de la France, de Gilliéron), e os atlas de pequenos dominios, que abranguen territorios moito máis reducidos (como é o caso do Atlas Lingüístic de Catalunya, o Atlas Lingüístico y etnográfico de Andalucía, ou os integrados no Atlas Linguistique de la France par régions). Hoxe habería que engadir un terceiro grupo de atlas, cun marco territorial que sobrepasa o do Estado. E dentro deste grupo distinguir os que se ocupan de territorios que falan unha mesma lingua dos que abranguen toda unha familia de linguas (románicas, xermánicas, eslavas, etc), e mesmo habería que falar de atlas de dimensións continentais, coma o Atlas Linguarum Europae. O Atlas Lingüístico Galego pertence ao grupo de atlas de pequeno dominio, pola extensión xeográfica que abrangue, pero é un mapa nacional no sentido de que se ocupa dun dominio lingüístico completo (o que o diferenza da maioría dos chamados atlas rexionais). O ALGA ocúpase de todo o dominio lingüístico galego, sen ter conta de fronteiras políticas ou administrativas. Por esta razón na súa rede incluíronse puntos que non pertencen á actual Galicia administrativa.

    5. atlas xeográfico BIBLIOT/ [BIBLIOT/XEOG]

      Compilación de mapas. Recibiu este nome durante o Renacemento, pola figura mitolóxica de Atlas sostendo a bóveda celeste. O atlas máis antigo coñecido é do s II que acompaña a Xeografía de Ptolomeo. Non foi, sen embargo, ata o s XVI cando se iniciou a edición de atlas independentes. Os máis interesantes desta época son o atlas de Lafreri, Tavole moderne di geografie raccolte el messe secondo l’ordine di Tolomeo e o Theatrum orbis Terrarum, de Abraham Ortelius (1570); unha edición de Mercator dos mapas de Ptolomeo (1578) e unha colección de 106 mapas de Mercator, elaborados por el, que denominou Atlas sive cosmographicae meditationes de fabrica mundi (1595). O s XVII foi de verdadeira expansión cartográfica; entre os moitos atlas pódense destacar os dos neerlandeses Willem e Jan Blaeu, Geographia Blaviana ou Theatrum Orbis Terrarum sive Atlas Novus (1640); o atlas francés de Nicolas Sanson, Atlas Nouveau (1692), e os italianos Mercurio Geografico de De Rossi e o Atlante Venetto de Vicenzo Coronelli. No s XVIII destacan os franceses Atlas Nouveau contenant toutes les parties du monde (1733), de Guillaume Delisle, e o Atlas Général, de Jean B. de Anville. No s XIX a escola cartográfica de Gotha, coa colaboración de Justus Perthes, iniciou a edición do atlas de Adolf Stieler (1823). Un dos cartógrafos que traballou neste proxecto, Berghaus, é o iniciador dos atlas parciais, como un atlas sobre Asia (1843), e dos atlas dedicados a determinados aspectos ou temas concretos (Physikalischer Handatlas, 1848). Desta época son tamén os grandes atlas xerais, o Atlas Universel (1877-1912) de Vivien de Saint-Martin e Schrader e o Atlas historique et géographique de Paul Vidal de la Blache (1894), actualizados en edicións sucesivas. Actualmente as tipoloxías dos atlas multiplicáronse e apareceron novos produtos (fotos aéreas, imaxes de satélite) e novos enfoques (atlas infantís ou escolares, atlas da guerra, etc). No estado español o Instituto Geográfico y Catastral publicou o Atlas Nacional de España (1965-1966). O organismo, denominado a partir de 1978 Instituto Geográfico Nacional, renovou este atlas en 1992. En Galicia abundan os atlas escolares centrados na Comunidade Autónoma, pero aínda non se ten desenvolvido un proxecto de atlas universal en galego.

  1. s m

    Colección sistemática de láminas, debuxos, cadros ou tablas destinadas a facilitar a comprensión dunha obra.

    Ex: Atlas anatómico. Atlas botánico.

  2. s m [ANAT]

    Primeira vértebra dos tetrápodos, articulada co cranio, e moi modificada respecto á primeira vértebra dos peixes. Ten forma de arco, e o seu corpo, chamado apófose odontoide, está soldado á segunda vértebra ou axe. O atlas pode xirar arredor da apófose, cousa que fai posible a gran mobilidade da cabeza respecto á columna vertebral.

Palabras veciñas

atlantismo | atlanto- | atlantropo | atlas | Atlas | Atlas | Atlas