Atwood, máquina de

Atwood, máquina de
[FÍS]

Aparello inventado por George Atwood para comprobar o principio fundamental da dinámica e o principio de inercia. Está constituída por unha polea que pode rodar con rozamentos practicamente nulos e cun fío de nailon ou de seda de peso desprezable, que soporta nos seus extremos dúas masas M exactamente iguais. Nestas condicións o sistema encóntrase en equilibrio indiferente, pero ao colocarse sobre unha das masas M, unha masa adicional m, o equilibrio rómpese e esta comunícalle ao sistema unha aceleración a. Segundo o mencionado principio, a relación entre a masa total (2M + m), a forza que actúa mg e a aceleración a ten que ser mg = (2M + m) a. Medindo o tempo que tarda en percorrer unha distancia determinada, pódese atopar a e verificar a validez da fórmula.