Auditorio de Galicia
Palacio de Música, Teatro e Congresos da cidade de Santiago de Compostela, inaugurado o 20 de outubro de 1989 cun concerto da Orquestra Nacional de España baixo a dirección de Odón Alonso e cunha exposición antolóxica de Laxeiro. O convenio para a súa construción asinárono o 15 de xuño de 1988 o ministro de Cultura, o Presidente da Xunta de Galicia e o alcalde de Santiago. O proxecto técnico redactárono os arquitectos Julio Cano Lasso e Diego Cano Pintos. Dende os seus comezos, exerce as funcións de xerencia do Auditorio Xosé Denis Hombre. O contorno do edificio inscríbese nun espazo exterior á cidade histórica e combina o urbano co paisaxismo natural, contrastando o granito, as galerías acristaladas e o cobre. Consta dunha sala de exposicións no nivel inferior; unha sala para música e teatro cunha capacidade de 1.032 prazas aproximadamente, destinada ás representacións teatrais, ópera, concertos e ballets; unha sala cunhas 600 butacas e un escenario máis reducido, axeitada para concertos de cámara, conferencias e congresos; outra sala de menores dimensións e planta circular para conferencias de prensa e coloquios; oficinas administrativas, seminarios e unha cafetería-restaurante situada sobre a sala de exposicións. Desde a súa inaguración, o Auditorio de Galicia foi protagonista de memorables citas de carácter musical e cultural; grandes voces líricas pasaron polo recinto, dende Alfredo Kraus a Victoria de los Ángeles pasando por Katia Riciarelli, Renata Scotto e Teresa Berganza. Acolleu, entre outras, á Real Filharmonía de Galicia, á Orquestra Sinfónica de Galicia, á Orquestra Sinfónica de Berlín e ás batutas de Yehudi Menuhin, Claudio Abbado, Maximino Zumalave, Trevor Pinnock ou Daniel Barenboim. No eido operístico representáronse Carmen, Don Giovanni e Orfeo, entre outras moitas óperas. Entre os artistas de sona internacional que pasaron polo seu escenario destacan: Alicia de la Rocha, Stephane Grappelli, Paul Winter “Consort”, Win Mertens, Paco de Lucía, Milladoiro, Toquinho e Amalia Rodrigues. No campo das artes plásticas expuxéronse monografías de artistas galegos como: Antonio Palacios, Eugenio Granell, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo e Carlos Maside; obras colectivas da arte galega de: Francisco Lloréns, Colmeiro, Xosé Lodeiro, Berta Cáccamo, Felipe Bello Piñeiro e Silverio Rivas; exemplos da arte portuguesa da autoría de Eduardo Viana e Amadeo de Souza Cardoso, e obras da vangarda rusa de Kandinsky e Gonchorova, entre outros.