Auga da Laxe
Petroglifo situado en Vincios (Gondomar). A situación desta estación, composta por cinco grupos diferentes, encóntrase na aba occidental da serra do Galiñeiro, na zona denominada monte dos Arruidos. O Grupo I, o máis interesante, coñécese co nome de Pedra das Procesións; está composto por un total de 26 armas (alabardas, escutiformes e espadas curtas). Tamén no Grupo IV hai un conxunto de cinco alabardas; nas restantes, represéntanse coviñas, liñas e outros deseños de difícil lectura. Segundo Vázquez Varela, se o penedo da Auga da Laxe non era un santuario, si era un lugar de reunións de guerreiros, ou dalgunha actividade relacionada coa guerra, que mantivo parte da súa función e prestixio nunha tradición que puido ir dende os anos 1800 ao 1500 ou ao 750 a C.