augaforte

augaforte

(< auga + forte)

  1. s f [ARTE]

    Gravado químico de impresión calcográfica. Consiste en mergullar unha prancha metálica nunha solución ácida capaz de atacar o metal, despois de ter protexido as dúas caras cun verniz insoluble en auga e no ácido, pero con bastante mordente para que cando se debuxe na súa superficie cunha ferramenta dura, o metal quede ao descuberto nas áreas debuxadas. O ácido non ataca máis que as partes descubertas e produce uns sucos que darán os negros; as superficies non atacadas darán os brancos. A prancha así preparada utilízase para imprimir sobre papel. Variedades da augaforte son a augatinta, o gravado ao verniz brando e ao aceiro. A finais do s XV, os gravadores florentinos (Maso Finiguerra, entre outros) comezaron a utilizar os sales nítricos, técnica xa coñecida polos árabes. A primeira augaforte realizouna o suízo Urs Gräf no 1513, aínda que axiña se espallou por toda Europa: na Alemaña, da man de gravadores como Albrecht Dürer e Van Leyden; en Francia, debido aos gravados realizados por Jacques Callot e Abraham Bosse; na Península Ibérica, considérase que foi Ribera (Silenio, 1628) o seu introdutor. Así mesmo, aínda que os italianos (Canaleto, Piranesi e Tiepolo) elaboraron algunhas obras mestras, foi Rembrandt (Doktor Faust, 1652) quen revolucionou a técnica. Coa publicación dos Caprichos, Goya abriu novos camiños de expresión e sátira socio-política (Los desastres de la guerra, 1810; Los disparates, 1819). No s XX empregaron a augaforte Georges Bracque, Afonso Castelao, Carlos Maside, Henri Matisse, Joan Miró, Pablo Picasso, Xulio Prieto Nespereira e, entre outros, Antoni Tapiés.

  2. s f [ARTE]

    Lámina ou estampa que foi impresa polo procedemento calcográfico.

  3. s f [QUÍM]

    Nome tradicional do ácido utilizado no procedemento da augaforte; adoita ser o ácido nítrico HNO 3 .

Palabras veciñas

augado -da | augadoiro | augador | augaforte | augafortista | augallada | augamar