Augsburgo

Augsburgo

ou Augusta Cidade de Suabia, en Baviera, Alemaña, situada entre os vales do Lech e do Wertach (258.457 h [1997]). Centro tradicional da industria téxtil desde 1840 acolle industrias mecánicas, eléctricas, aeronáuticas e electrónicas (Siemens), instaladas polas grandes empresas do Rhur e de Berlín. Ten universidade. Antiga colonia militar fundada por Druso no ano 15 a C co nome de Augusta Vindelicum, constituíu un importante centro comercial na vía Claudia. Capital da Raetia Secunda durante o s IV, foi saqueada polos hunos no s V. No s VI pasou a ser bispado e dependeu dos duques de Suabia e Baviera. Durante toda a Idade Media, destacou como unha das cidades máis prósperas da Alemaña. En 1276 Rodolfo de Habsburgo outorgoulle os privilexios de cidade imperial libre. Durante os ss XV e XVI, Augsburgo viu aumentar a súa potencialidade económica, impulsada polas ilustres familias comerciantes dos Fugger e dos Welser e converteuse no primeiro centro bancario de Europa xunto a Anveres e Lisboa. Sede de diversas dietas, entre as que destacan a de 1530, onde Melanchthon defendeu o credo luterano na Confesión de Augsburgo, a de 1547-1548, compromiso doutrinal entre protestantes e católicos coñecido como Ínterim de Augsburgo, e a de 1555 que deu lugar á Paz de Augsburgo. En 1806 foi anexionada a Baviera. A catedral construíuse entre os ss X e XI e foi reformada nos ss XIV e XV, ten magníficas vidreiras e portas esculpidas en bronce (s IX). A igrexa do gran convento románico de Sankt Ulrich and Upa foi refeita en estilo gótico avanzado. A Igrexa de Santa Ana (s XIV) contén a capela funeraria dos Fugger (1509-1518), decorada con esculturas de Adolf Daucher. É notable o conxunto de vivendas para obreiros chamado Fuggerei, iniciadas en 1519 por Jakob II Fugger. Outros monumentos da cidade son as fontes, construídas cara ao 1600, e diversos edificios do s XVII do arquitecto Elias Holl (casa do concello de 1615, o arsenal e o hospital).