Augsburgo, Dieta de
Asemblea convocada en 1530 polo Emperador Carlos V, aconsellado polo seu chanceler erasmista Mercurino Gattinara, co intento de conseguir unha reconciliación das igrexas reformadas coa Igrexa de Roma. A Dieta inaugurouse o 20 de xuño e Lutero, que se atopaba desterrado do Imperio, permaneceu en Coburgo co elector Xoán de Saxonia. Melanchthon presentou a Confesión de Augsburgo; Zwingli, a Confesión de Zúric, Berna e Basilea; e Bucer, a das cidades de Estrasburgo, Constanza, Lindau e Memmingen (Confesión Tetrapolitana). O 22 de setembro a Dieta acordou conceder aos protestantes un prazo de sete meses para volver á comuñón romana e pediulles colaborar co Emperador na loita contra os parlamentarios. O 15 de novembro Carlos V ordenou a aplicación do Edito de Worms (1521) e o restablecemento da xurisdición episcopal coa restitución dos seus bens.