Augusto
Primeiro Emperador romano (27 a C-14 d C). Adoptado polo seu tío Caio Xulio César como fillo no ano 44 a C, tomou o nome de Octavio. Trala morte de César organizou, con Marco Antonio e Lépido, a recuperación do partido cesariano. Obtivo a axuda do Senado, movido por Cicerón, que se opoñía a Antonio. No ano 43 a C constituíu o segundo triunvirato con Marco Antonio e Lépido; a súa primeira acción foi eliminar a oposición anticesariana por medio de proscricións e presentando batalla a Casio e a Bruto, aos cales venceu e matou en Filipo no ano 42 a C. Alcanzada a paz, os triunviros repartíronse o territorio romano, Octavio recibiu as provincias de Sicilia e de Hispania, e tralo acordo de Brindisi do ano 40 a C selado polo matrimonio da súa irmá con Antonio, todo o Occidente -agás África-. Mentres Antonio estaba en Oriente, Octavio construíu unha flota para aniquilar a Sexto Pompeio, fillo de Pompeio o Grande, que dominaba o mar. No ano 36 a C obtivo a vitoria definitiva e ao mesmo tempo, a desaparición de Lépido: o enfrontamento entre Octavio e Antonio quedaba abertamente manifestado, e non se resolveu ata o ano 31 a C coa batalla de Accium. Entretanto, Octavio, en Roma, fixo xurar a toda Italia fidelidade á súa persona. Así foi considerado como princeps, xefe todopoderoso. Nos tres anos seguintes dedicouse á renovación das estruturas republicanas, e devolveu ao Senado, o 27 a C, os seus poderes extraordinarios de triunviro. Restaurou oficialmente a República, feito polo que o Senado o nomeou Augusto. A restauración republicana fora unha manobra de Octavio, progresivamente foi controlando os cargos claves da administración: no ano 31 a C recibiu o consulado vitalicio; o 30 a C o poder dos tribunos; antes do 28 a C a censura. O proceso posterior dos avances e retrocesos do seu poder foi complexo. De feito, Augusto, que posuía o imperium proconsulare (imperio, poder preconsular) desde o 38 a C, quedou afirmado no seu cargo; o 23 a C realizaba un recrutamento de tropas e recibía un imperium (poder, imperio) especial de todas as provincias, xunto co dereito de convocar ao Senado; mantivo a cuñaxe da moeda senatorial e fixo novas emisións co seu nome e o seu busto, feito que constituía unha regalicia. No ano 12 a C fíxose cos poderes relixiosos ao ser nomeado pontifex maximus (pontífice máximo). O ano 2 a C, ao coroalo, o Senado outorgoulle o título de pater patriae (pai da patria). As causas desta concentración de poder nas mans dun só home, contra o que loitaba o mundo romano desde hai un século, ten a súa orixe, como indica Tácito, no feito de que o país estaba canso das guerras civís e desexaba a paz ao prezo que fose. Así quedou inaugurada unha nova etapa na evolución política das institucións romanas, o Imperio, que perduraría ata a destrución do mundo romano polos bárbaros. A política exterior de Augusto estivo marcada por un signo pacifista: nos anos 26-25 a C interveu activamente no dominio da Hispania interior e estableceu unha fronteira fortificada ante os pobos das montañas do norte, conseguindo así a pacificación de Gallaecia e Asturica, na Hispania Citerior. O licenciamento dos veteranos das guerras cántabras deu ocasión á fundación de colonias novas en Hispania: Lucus Augusti (Lugo), Asturica Augusta (Astorga), Bracara Augusta (Braga), Caesar Augusta (Zaragoza), Emerita Augusta (Mérida) e Pax Augusta (Beja, Alentejo). Tarragona, que foi a sede de Augusto nas súas estancias en Hispania, foi a primeira cidade do Imperio que lle deu culto como deidade (25 a C). Este culto imperial foi posto en relación coa devotio iberica. En Occidente mantivo as fronteiras recibidas sempre que foi posible e, en Oriente, fixo unha política de pacificación cos partos, apoiada noutras rexións con tratados cos reis locais. A súa preocupación pacífica manifestouse co tratamento simbólico das portas do templo de Xano o 24 a C, despois da pacificación de Hispania e proclamada a pax por todo o Imperio, e na construción do Ara Pacis Augustae o 9 a C. Paralelamente a esta preocupación pacifista levou a cabo unha serie de reformas na administración romana: en primeiro lugar por medio dunha división timocrática que levaba aos ricos con rendas superiores ao millón de sextercios e que facía da orde ecuestre a base da nova burocracia. Regulou o número de escravos que se podían liberar e negoulles o dereito de cidadanía a moitos libertos. Preocupouse tamén pola saúde pública: favoreceu os casamentos; por lei, ditou un decreto sobre o adulterio e prohibiu os matrimonios de xente vella que non podían dar fillos ao país. Dividiu Italia en once rexións. Fixo construír camiños e acuedutos. Reorganizou a administración de Roma, que dividiu en catorce rexións e que embeleceu notablemente (foro de Augusto, Campo de Marte, etc). Foi un escritor e orador pulcro e elegante. Consérvanse numerosos fragmentos das súas epístolas. Escribiu, entre outras obras, Rescripta Bruto de Catone (Respostas de Catón a Bruto), Hortationes ad philosophiam (Exhortacións sobre a filosofía), Comentarii de vita sua (Comentarios sobre a súa vida) ata o 24 a C, Descriptio Italiae (Descrición de Italia). Deixou o Index rerum a se gestarum (Lista das cousa feitas por el), relación feita pouco antes de morir, das súas empresas para ser gravada no seu mausoleo; unha copia dela é o Monumentum Anacyranum. A súa política atraeu os mellores literatos da época como evidencian as loas de Virxilio, Horacio e Ovidio. Augusto designou como sucesor o seu sobriño Marcelo, primeiro marido da súa filla Xulia, pero este morreu no ano 23 a C; designou despois a Agripa, segundo marido de Xulia, que morreu no ano 12. Así mesmo morreron os seus netos Caio (4 d C) e Lucio (2 d C), fillos de Agripa. Decidiu entón adoptar ao seu fillastro Tiberio (4 d C). Entre as estatuas dedicadas á súa figura destacan o Augusto de Prima Porta (Musei Vaticani) e o Augusto de Via Labiana (Musei delle terme di Caracalls, Roma).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : a C -
Deceso