Aula Castelao de Filosofía
Agrupación de filósofos e profesores relacionados co mundo da Filosofía creada no ano 1981 en Pontevedra. Os seus obxectivos son a anovación temática e metodolóxica no campo da Filosofía e a normalización da lingua galega, sobre todo no mundo do ensino. Organizáronse numerosos encontros, congresos, xornadas pedagóxicas e conferencias nas que analizaron as obras de Marx, Castelao, Engels, etc. Os seus colaboradores publicaron en revistas, xornais e libros de ensaio numerosos artigos e investigacións sobre autores galegos e estranxeiros como Celso Emilio Ferreiro, Fermín Bouza Brey, Xoán V. Viqueira, Amor Ruibal, Indalecio Armesto, Ricardo Mella, Sartre, Fromm, Garaudy, etc. A propia asociación editou Antón Losada. Teoría e Praxe (1984), Postmodernidade e poder (1989), O pensamento galego na historia. Aproximación crítica (1992), América Latina. Entre a realidade e a utopía (1992), Filosofía e Xénero (1996) e Filosofía e Lingua (1997). Todos os anos organizan as Semanas Galegas de Filosofía.