Aulas de Teatro na Universidade

Aulas de Teatro na Universidade

Nome dado a diversas agrupacións escénicas de Galicia que teñen na universidade o seu ámbito privilexiado de desenvolvemento. As primeiras experiencias foron promovidas polo profesor Armando Cotarelo Valledor, promotor do Cadro Dramático da Universidade de Compostela, co que estreou diversas pezas da súa autoría entre 1922 e 1924. Na década de 1950 Rodolfo López-Veiga Ponte dirixiu diversos espectáculos a partir de textos de Arthur Miller, Samuel Beckett e Eugène Ionesco. En Galicia o movemento teatral universitario practicamente non existiu fronte ao resto do Estado, onde tivo especial relevo no nacemento do teatro independente e na loita contra a ditadura. O período de maior actividade teatral na universidade galega comezou en 1976 cando se creou unha estrutura específica de apoio e desenvolvemento da actividade teatral, baixo a coordinación do profesor Miguel Angel Gómez Segade. Esta estrutura desenvolveu actividades moi diversas ata 1981, desde a programación de ciclos de teatro á organización de conferencias e coloquios. A partir de 1982 a Aula de Teatro, dependente do servizo de Extensión Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela, pasou a denominarse Aula Aberta; dende ela Gerino Calvo Maquieira, director da Escola de Formación do Profesorado de Pontevedra, promoveu a creación dunha Aula de Teatro que funcionou na citada Escola ata 1990. Coordinada por Antón Lamapereira e Manuel F. Vieites, a Aula de Teatro organizou múltiples actividades nas que participaron máis de 250 alumnos, a maioría delas centradas na organización de cursos de formación nas áreas de Didáctica da Expresión Dramática, Didáctica da Expresión Teatral e Teoría e Práctica da Animación Teatral. Ao tempo, crearon un grupo de teatro orientado á produción de espectáculos para a infancia e a mocidade. Este colectivo promoveu a organización da Campaña de Teatro Escolar Caixavigo na que participaron un elevado número de colexios da provincia de Pontevedra e que, nas dúas primeiras edicións, acolleu a máis de 10.000 escolares. Coa creación das tres universidades galegas, as Aulas de Teatro universitarias viviron un novo pulo. Roberto Salgueiro, en Santiago de Compostela, Tareixa Campo, en Lugo, Chema Paz Gago, na Coruña e os grupos Sarabela, en Ourense, Kalandraka, en Pontevedra, e Vagalume, en Vigo, foron os responsables da posta en marcha das respectivas aulas e da programación de actividades fundamentalmente orientadas á organización de cursos de formación, produción de espectáculos e programación de mostras de teatro universitario nas que participaron colectivos procedentes da Península Ibérica, Europa, Centro América e América do Sur. Ao mesmo tempo, en campus como os de Santiago de Compostela e A Coruña hai numerosos grupos de teatro que realizan espectáculos en galego, francés, inglés e castelán, na maioría dos casos coordinados e dirixidos polos propios alumnos.

Palabras veciñas

Aula Viva | aulacoxeno | Aulard, François-Victor Alphonse | Aulas de Teatro na Universidade | Auld, William | Aulén, Gustaf | Aulenti, Gae