Aurillac
Aurillac
Capital do departamento de Cantal, Auvernia, Francia (30.773 h [1990]. Situada nos contrafortes do macizo de Cantal, trátase dun pequeno núcleo industrial dedicado fundamentalmente á fabricación de mobles, zapatos e paraugas. Antiga capital da Alta Auvernia, medrou a partir do mosteiro bieito de Saint-Geraud, fundado arredor do ano 894 por Xerardo, señor de Aurillac, que adoptou a reforma de Cluny. Nese mosteiro foi monxe, entre outros, Xerberto, futuro Papa Silvestre II. En 1298 o abade cedeu ao municipio todos os dereitos que posuía sobre a vila. Convertida en colexiata secular (1562), a abadía foi incendiada e destruída polos hugonotes en 1569. O derradeiro abade foi elixido en 1752.