Australopithecus
Xénero de homínidos fósiles do Plio-Plistoceno de África oriental e meridional situado, de forma xenérica, na ascendencia da liñaxe humana; sen embargo, a evolución e as relacións filéticas entre as diferentes especies deste grupo precisaranse máis a medida que progresen as investigacións. Este xénero defínese por unha serie de trazos anatómicos ben marcados que o separan doutros homínidos fósiles (Ardipithecus, Paranthropus, etc). Eran seres cunha forma particular de bipedismo, tiñan un talle miúdo (1-1,5 m), capacidade cerebral baixa (400-500 cm3), cranio alongado e baixo con occipital saínte e anguloso, prognatismo facial, dieta progresivamente vexetariana e estaban adaptados a diferentes nichos ecolóxicos, amosando estratexias evolutivas ben diferenciadas entre si. Así mesmo, hai investigadores que recoñecen nos Australopithecus unha capacidade para elaborar artefactos. A partir da descuberta do “neno de Taung” realizada por Dart en 1924, comezou un longo proceso de designación de xéneros (Plesianthropus, Paranthropus, Zinjanthropus, etc) que na década dos sesenta comezaron a ser identificados baixo un mesmo taxon: Australopithecus. A década dos oitenta, sen embargo, matizou esta agrupación e sinalou dous grupos diferenciados polos seus trazos morfolóxicos: trazos gráciles en Australopithecus, xénero no que se recoñecen tres especies, e trazos robustos en Paranthropus e Zinjanthropus, no que tamén se recoñecen tres especies. Na actualidade o xénero Australopithecus divídese en tres especies: Australopithecus anamensi, forma que procede de dúas localidades diferentes de Quenia; parece ser descendente de Ardipithecus, e a súa datación estaría entre 4,2 e 3,9 M a; sen embargo, as súas relacións filéticas cos homínidos posteriores son aínda polémicas. Australopithecus afarensis: atópase en África oriental cunha cronoloxía que vai dende os 3,9 M a ata os 3 M a; sen embargo, é posible que non fose este o único taxon que habitou aquela zona no mesmo período de tempo. Das proporcións e da morfoloxía das cúspides dos molares dedúcese unha dieta basicamente fruxívora, cunha inxesta de alimentos duros pouco importante. O estudo das articulacións dos xeonllos e da pelve amosa que tiñan unha locomoción bípeda, pero trataríase dun bipedismo diferente do noso; así mesmo, o estudo dos cóbados, ombreiros, ósos do carpo e falanxes, poñen en evidencia unha capacidade para gatuñar. Australopithecus africanus: atópase exclusivamente en África do Sur, nunha cronoloxía imprecisa que oscila entre 3 M a e 2,5 M a. Pola súa morfoloxía e locomoción é moi semellante ao A. afarensis, de quen parece proceder; afastándose del só no aparello mastigador, o que induce apensar nunha adaptación a unha dieta máis encamiñada cara aos froitos de codia dura (noces, etc), tubérculos e sementes. Recentemente se definiron dúas especies novas: A. baghrelacensis e A. garhi, que debido á súa procedencia (o primeiro no Chad e o segundo en Etiopia) e a súa posición filoxenética poderán contribuír a compreder mellor a evolución deste xénero. Malia que algúns investigadores inclúen neste xénero outras tres especies: Australopithecus (Zinjanthropus) aethiopicus, Australopithecus (Zinjanthropus) boisei e Australopithecus (Paranthropus) robustus, debido á súa morfoloxía, adaptacións e estratexias evolutivas, deben agruparse no xénero Paranthropus.