austro-asiático -ca

austro-asiático -ca

(< austro- + asiático)

  1. adx

    Relativo ao territorio ou aos habitantes do conxunto constituído por Australia e Asia.

  2. s m [LING]

    Familia de linguas que se falan no sueste de Asia, naqueles países situados entre China e Indonesia, aínda que tamén se rexistran algunhas destas linguas ao oeste, nas illas Nicobar e en determinadas zonas da India. Descoñécese con exactitude cáles son os seus membros e as súas principais divisións; poucas destas linguas teñen unha historia escrita. Tense falado da súa relación coa familia austronesia pero os vínculos resultan dubidosos e aínda non foron demostrados. A familia austro-asiática presenta tres ramas principais. O mon-khmer que é o grupo máis grande falado na zona sur da península, principalmente en Vietnam do Norte e do Sur, Laos e Camboxa, nalgunhas zonas de Myanmar e Malaisia. Este grupo está constituído por tres linguas importantes. Máis de medio millón de persoas falan o mon (o talaing) no territorio de Myanmar e Tailandia; máis de cinco millóns utilizan o khmer (o camboxano), lingua oficial de Camboxa. As inscricións máis antigas destas linguas datan dos séculos VI-VII. O vietnamita con cincuenta millóns de falantes en Vietnam do Norte e do Sur, Laos e Camboxa, é a principal lingua deste grupo. Aínda que a inclusión no grupo mon-khmer é dubidosa, de xeito que algúns especialistas considérana como un membro marxinal, mentres que outros a relacionan coa familia daica. A historia das súas orixes está eclipsada polo uso do chino en todo o sueste asiático, resultado de máis dun milenio de poder chino que se estendeu ata o século X. O moderno alfabeto, baseado no latino e coñecido como Quoc-ngu ‘lingua nacional’ introduciuse xa no século XVII. Os outros dous grupos de linguas están moi illados xeograficamente do mon-khmer. O grupo munda fálase nalgunhas zonas da India, no centro e noroeste principalmente. As linguas máis utilizadas son o mundarí cun millón e medio de falantes e o santalí con cinco millóns aproximadamente. E o terceiro grupo é o nicobaresa falado por unhas 10.000 persoas nas illas Nicobar no golfo de Bengala. En conxunto as linguas austro-asiáticas superan o centenar, dependendo o número exacto da distinción entre lingua e dialecto que se adopte e do criterio empregado para demostrar as similitudes estruturais.

Palabras veciñas

áustrico -ca | austro | austro- | austro-asiático -ca | austro-prusiana, guerra | austrohúngaro -ra | austromarxismo