autarquía

autarquía

(< gr αὐτάρκεια‘autosuficiencia’)

  1. s f

    Estado ou calidade do ente que se basta a si mesmo.

  2. s f [ECON]

    Situación teórica de economía autosuficiente respecto do exterior. Actualmente o termo resérvase para describir o obxectivo xenérico dunha serie de instrumentos de política económica aplicados en situacións de forte nacionalismo, ou diante daquelas prácticas defensivas da burguesía local ou dos seus grupos dominantes. A finalidade da autarquía como doutrina económica esixe o autoabastecemento en determinados produtos, o proteccionismo industrial e a supresión das importacións, medidas que foron frecuentemente empregadas como instrumentos dunha política de industrialización e desenvolvemento. A manifestación máis importante de autarquía aconteceu en relación aos fenómenos fascistas que acompañaron a crise do 1929, que acentuou as tendencias á autarquía como doutrina económica nunha serie de países. A autarquía no estado español transformouse no programa económico do goberno despois de 1939.

  3. s f [FILOS]

    Estado do home que se basta por si mesmo, que constitúe a base da filosofía dos cínicos e que, máis tarde, tivo a súa continuación no pensamento estoico.

  4. s f [POLÍT]

    Calidade da organización política autosuficiente. A independencia da polis grega baseábase na autonomía ou facultade para autogobernarse, e na autarquía.

  5. s f [XEOG/ADM]

    En Portugal, entidade local autónoma, auxiliar e descentralizada da administración pública que está suxeita a fiscalización e tutela do estado, posúe patrimonio e recursos propios e ten como fin executar servicios de carácter público ou do interese da colectividade. Segundo o artigo 238 da Constitução da República de 1976 poden ser entidades autárquicas as freguesías, os municipios e as rexións. Non obstante , na praxe, só son realmente autárquicos os municipios, ao non estar desenvolvida ata o de agora a administración nas outras escalas territoriais.