autobiografía

autobiografía

(

s f [LIT]

Biografía que un autor fai de si mesmo. Trátase dun modelo narrativo específico no que o narrador é protagonista dunha historia narrada de forma retrospectiva ou analéptica e que esixe a presenza dun destinatario -nalgúns casos pode ser un desdobramento do autor nun ti, reflexo do eu-, que xustifica a existencia do propio discurso. Estes relatos están escritos, normalmente, en primeira persoa, aínda que tamén poden estar en segunda, e mesmo en terceira persoa. Segundo Ph. Lejeune e G. May, diferénciase doutros subxéneros afíns, como a memoria e o diario, onde tamén aparecen elementos autobiográficos, en que no primeiro é prioritaria a exposición da realidade exterior e dos outros, por máis que se faga en función dun eu-narrador; e no diario, porque supón unha minuciosa constatación de feitos cotiáns, que pode implicar unha intensificación maior da expresión subxectiva, pero que é de alcance máis reducido ao non poder presentar a panorámica total dunha vida ou dun período dela.