autoxestión
(
Sistema de organización das actividades sociais (produtivas, comerciais, administrativas, etc) que se desenvolven mediante a cooperación e o compromiso na toma de decisións por aqueles que participan no proceso. As consecuencias deste sistema son: eliminación da distinción entre quen toma as decisións e quen as executa, e obtención da autonomía de decisións de toda a unidade produtiva. Como sistema económico fai referencia a un modelo determinado de organización do proceso de xestión no interior das empresas, que require os seguintes principios: superación da alienación obreira con respecto ao produto realizado; control directo sobre a plusvalía do produto; eliminación da propiedade capitalista e plena autonomía de xestión dos distintos colectivos de traballo. Como sistema social oponse ao modelo centralista e planificado das decisións, e modifica as relacións sociais e persoais debido á apropiación do poder de decisión contra calquera autoridade. Como sistema político difire do autogoberno e da democracia directa ao manifestar a necesidade de disolución do poder económico e político, e o funcionamento das estruturas sociais unicamente a través dunha autoridade socializada. Malia a existencia de conceptos como a democracia industrial de Proudhon, o autogoberno industrial dos gremialistas alemáns ou as experiencias socialistas da Comuna de París (1871), a autoxestión evolucionou a partir do movemento dos consellos obreiros sistematizado por Korsch, Pannekoek e Gramsci, e difundido pola Europa de entreguerras: soviets de fábrica na Rusia de 1917 que durante a Guerra Civil foron substituídos por unha planificación económica centralizada; consellos de obreiros da revolución húngara de 1918, liderada por Bela Kun e concebida como unha república de consellos autoxestionados; consellos de fábrica en Turín en 1919 organizados arredor do Partido Comunista e do seu líder Gramsci; consellos de obreiros na Alemaña de 1919, organizados pola Unión Espartaquista ou comités obreiros na España republicana de 1936. Non obstante , entendida como superación da propiedade privada dos medios de produción, as prácticas autoxestionarias redúcense a moi poucos casos, relacionados precisamente cos réximes colectivistas: Iugoslavia (1951-1974), Polonia (1956-1958 e 1981), empresas agrícolas de Alxeria (1963) e Checoslovaquia (1968), dos que o exemplo paradigmático pola súa duración e cumprimento de obxectivos foi o iugoslavo. A experiencia autoxestionaria iugoslava introduciuse en 1951, despois dun período de planificación autoritaria, no tocante ás empresas económicas de base, aínda que axiña se espallou ao nivel das comunas e progresivamente ao conxunto da vida social, restablecendo a estrutura soviética dos primeiros anos da Revolución Rusa.