auxina
(
Substancia química natural ou sintética caracterizada pola súa actividade como fitohormona, que en concentracións moi febles provoca na planta diversas reaccións, entre as que destaca o alongamento das células pouco diferenciadas. Outros efectos da auxina son: a dominancia apical ou inhibición do crecemento das xemas laterais, a produción de raíces, o desenvolvemento dos froitos, a formación de calos por estimulación do cámbium preto das feridas, a caída das follas e dos froitos, o aumento da respiración, etc. A auxina natural máis común é o acido indolacético. As auxinas sintéticas empréganse na agricultura, sobre todo como herbicidas, e tamén para arraigar gallos, obter froitos sen fecundación previa ou aclarar quimicamente as froiteiras sobrecargadas, etc. As máis importantes son o ácido 2,4-diclorofenoxiacético (2,4-D) e o ácido 2-metil-4-clorofenoxiacético (MCP).