Ávalos
Familia de orixe castelá que se estableceu en Nápoles a mediados do s XV, onde se converteu, por mor da súa fortuna e dos cargos políticos e militares que ocuparon os seus membros, nunha das máis destacadas da Italia do s XVI. Xa en posesión do marquesado de Pescara e do condado de Loreto, herdados dos Aquino, obtiveron no 1496 o marquesado do Vasto e, máis tarde, os principados de Montesarquio (1529), Francavilla (1540), Isernia (1644) e Troia. Durante dous séculos vencelláronse ao cargo de gran camarlengo do Reino de Nápoles. Entre os seus membros sobresaíron: Afonso de Ávalos , que destacou como brillante condottiere, e o seu irmán Íñigo de Ávalos (1481), primeiro gran camarlengo do Reino de Nápoles (1449), que foi nomeado conde de Monteodorisio (1452); netos deste foron os primos irmáns Ferdinando Francesco de Ávalos e Afonso de Ávalos ; o fillo deste último, Ferdinando Francesco d´Ávalos (? - 1571), marqués de Pescara e do Vasto, tamén gran camarlengo do Reino de Nápoles, vicerrei de Sicilia (1568-1571) e gobernador de Milán (1560-1563); Cesare d´Ávalos , marqués do Vasto e de Pescara, grande de España, príncipe de Isernia e de Francavilla, ao morrer (1729) deixou como herdeiros os príncipes de Troia, doutra rama dos Ávalos.