Avecilla

Avecilla
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe procedente de cabaleiros godos que estableceron casas en Galicia, Asturias, León e La Rioja. A rama galega, asturiana e leonesa leva como armas, escudo terciado en banda: a primeira partición, cun león rampante de ouro, en campo de goles; a segunda, de ouro pleno e, a terceira, con seis flores de lis de ouro, en campo de azul, postas en dúas bandas de tres cada unha. Os de La Rioja usan escudo cortado: a primeira partición, con tres paos de goles, en campo de ouro; a segunda, cunha flor de lis de azul, en campo de prata, e o bordo de goles, con cinco panelas de prata. Outros levan, en campo de ouro, unha banda de goles acompañada, en xefe, dun león rampante da mesma cor e, en punta, de seis flores de lis de azul. Algúns engaden a este último escudo un bordo de prata, namentres que outros cambian a banda por unha faixa.