Avecilla Porto, Alejandro
Xogador de hóckey a patíns. Debutou na división de honor co Dominicos da Coruña na tempada 1983-1984. Na tempada 1986-1987 pasou ao Liceo, club da mesma cidade, no que permaneceu dous anos e co que se proclamaría campión de Europa (1986-1987 e 1987-1988). Tamén acadou co Liceo un título de Liga (1986-1987) e, no ano 1988, a Copa do Rei, a Supercopa e a Copa Intercontinental. Na Liga 1988-1989 volveu ao Dominicos, co que gañou unha Copa do Rei (1990) e se proclamou máximo goleador da Liga (1989-1990 e 1990-1991). Na tempada 1993-1994 fichou polo Reus, equipo co que foi máximo goleador da Liga en dúas ocasións máis (1994-1995 e 1995-1996): con 521 goles entre 1983 e 1999 é o máximo goleador da historia desta competición. Membro da selección española absoluta, disputou 73 partidos internacionais entre 1988 e 1995, acadando un total de 110 goles e os títulos de campión do mundo (Arxentina 1989), subcampión olímpico (Barcelona 1992), campión da Copa das Nacións (1991) e a medalla de bronce no Mundial do Brasil 1995. En categoría júnior proclamouse campión de Europa en 1984. Está en posesión da Orde Olímpica, concedida polo Comité Olímpico Español en 1995.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña