Aveiro

Aveiro

Capital do distrito de Aveiro, Portugal (35.200 h [1991]). Situada entre Porto, ao N, e Coimbra, ao S, na beira da ría do seu nome, formada na desembocadura do Vouga. Ten un importante porto, o cuarto de Portugal en tránsito comercial. A súa flota pesqueira dedícase principalmente á captura da sardiña. Tamén destacan o cultivo de ostras e as salinas. Na cidade está a fábrica nacional de vidro e porcelana de Vista Alegre. Recibiu o título de cidade o 11 de abril de 1759. Entre as pezas que se poden apreciar no seu museo destaca o túmulo de santa Xoana Princesa. É sé episcopal, e conta cunha catedral e coa Igreja de São Domingos. Pola súa situación sobre unha albufeira e polas súas canles navegables fálase de Aveiro como a Venecia portuguesa.