Avendaño Martínez, Serafín Xoaquín

Avendaño Martínez, Serafín Xoaquín

Pintor, representante do Realismo paisaxístico luminoso e aéreo. Trasladouse a Madrid pero conservou o contacto con Galicia ao pasar todos os veráns na casa viguesa da Barxa. Formouse na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1840-1850), onde foi alumno de Xenaro Pérez Villamil e de Esquivel, tendo por compañeiros entre outros a Federico Ruiz, Martín Rico e Castillo. No curso 1854-1855 abandonou a Academia, comezando unha serie de viaxes por España e Portugal que se transformaron na produción de numerosas obras e esbozos. Destas viaxes fixo 32 ilustracións para a revista El Museo Universal. En 1858 presentouse á Exposición Rexional de Santiago de Compostela con dous cadros á augada que representaban dúas vistas da ría de Vigo, na que obtivo a medalla de prata coa titulada A miña tristura. Viaxou por Francia, Inglaterra e Alemaña, e instalou o seu estudo de pintor de paisaxe en Portland (EE UU) en 1859. De regreso a Madrid, en 1861 presentouse cun fresco da Casa de Campo a unha bolsa de estudo da pintura de paisaxe no estranxeiro convocada pola Academia de San Fernando e compartiu o premio con Martín Rico. Marchou a Roma en 1862, onde entrou en contacto na Academia Española con Fortuny. En 1864 obtivo a terceira medalla da Exposición Nacional de Bellas Artes con Paisaxe de Portland. En 1866 instalouse en Xénova e entrou en contacto coa scuola grigia (escola gris), escola pictórica realista caracterizada polo estudo do natural, a subordinación da cor á tonalidade, a eliminación do decorativismo, o estudo dos motivos humildes e, en xeral, pola fuxida do academicismo. O gusto polos tons claros e as medias tintas serviulle para librarse das trabas do academicismo e das influencias de Corot e Fontanesi, dando corpo á súa persoal pintura, airosa, verídica e moderna. Foi, entre os membros da escola, o que mellor elixiu os motivos e o que mellor debuxou o detalle. O resultado foi unha pintura limpa e perfecta, limpeza que se reforzou co uso de cores vivas e luz natural. Formou parte da escola de Rivara (1866-1876), grupo mixto no que militaban os grigi xunto co grupo de artistas do Piemonte que loitaban pola renovación da pintura e da figura na paisaxe. Activos en Rivara e Canavese no verán e, en Turín no inverno, entre eles destacaron Avondo, Bertea, Pastoris e Pittara, que pretendían achegarse á natureza da forma máis reverente, respectando ao máximo o que de salvaxe e xenuíno tiña, en definitiva, a natureza real. Esta forma de pintar causou grande impacto en diferentes exposicións, xa que a pintura académica non entendía a pintura sen debuxo, colorido e perfección, pero rematou por impoñerse. En 1873 Avendaño foi nomeado académico de mérito da Academia Ligústica de Belas Artes, e conseguiu que ao ano seguinte a paisaxe entrase no ensino oficial. Toda esta actividade na procura de novas formas de expresión se traduciu na participación en múltiples exposicións tanto en España como en Italia. En 1868 presentou unha obra á Promotrice de Turín, Viático en Liguria, adquirida por Giuseppe Verdi, con quen mantivo unha relación de amizade acudindo con frecuencia a pintar na súa quinta A Traviatta. Nos anos setenta multiplicou a súa actividade expositiva participando en diferentes mostras de cidades italianas, ademais de presentar obra no estranxeiro, destacando o cadro Proximidades de Xénova, levado ao Salón de París de 1875 e que acadou un grande éxito. En 1886 xa era un pintor consagrado e recoñecido. En 1889 foi nomeado agregado da Academia Española de Bellas Artes en Roma. En 1890 obtivo a medalla de primeira clase na Promotrice de Xénova. Foi tal o seu éxito que en 1891 a Galería Nacional de Arte Moderna de Roma lle adquiriu un cadro. Era a primeira vez que un artista estranxeiro figuraba na citada galería. En 1892 obtivo na Exposición Nacional de Bellas Artes a segunda medalla. En 1896 retornou a España, e despois de pasar unha temporada en Madrid, instalouse definitivamente na súa casa da Barxa, en Vigo. Dedicado integramente á pintura, presentouse ás diferentes exposicións nacionais de 1897 -na que tamén formou parte do xurado na sección de pintura-, 1899 (segunda medalla compartida co pintor Jenaro Carreró), 1905 e 1908. Entre tanto, no ano 1904 concedéuselle a Medalla de Comendador Ordinario da Orde de Afonso XII. En 1912 con motivo da súa homenaxe, celebrouse no Centro Galego de Madrid unha importante exposición, na que presentou as súas últimas obras como artista: Beiras do Sert e Primavera nos Pireneos. Colaborou como ilustrador na revista Blanco y Negro (1893-1911). A temática destas colaboracións polo xeral identifícanse coas obras que realiza nestes últimos anos como pintor, destacando sobre todo referencias a Vigo e Galicia. A súa última colaboración, de 1911, levou por título Os trasnos de Pancorbo, ilustración que volveu imprimirse en 1916, nunha páxina que á súa morte lle dedicou Blanco y Negro. Realizou tamén unha serie de litografías: Paisaxes madrileñas. A partir de 1911 as noticias sobre o pintor son escasas. Ten obras en distintos museos de Europa e América, e en todos os de Galicia.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Vigo

  • Deceso

    Lugar : Valladolid