Avendaño Prieto, Alberto

Avendaño Prieto, Alberto

Escritor e actor. Estudiou Filoloxía Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela e Xornalismo na Universidade de Texas. Foi un dos fundadores do Colectivo de Comunicación Poética Rompente, co que deu ao prelo a obra conxunta Silabario da Turbina (1978) e realizou recitais cunha certa compoñente teatral. Xa individualmente publicou Facer Pulgarcitos Tres (1980) e, en colaboración con Antón Reixa, A dama que fala (1983). Co seu relato Lito ou as bestas aceleradas gañou o Premio de Contos O Facho en 1978. No eido da literatura xuvenil publicou Aventuras de Sol (Premio O Barco de Vapor 1986), O gato metido nun saco (1988) ou Os náufragos de Malakadula (Premio O Barco de Vapor 1992) e para adultos E outras historias (1989). Traduciu ao galego clásicos da literatura universal como Edgar A. Poe, K. Grahame, J. M. Barrie e Roald Dahl. Como actor, foi membro do grupo Máscara 17 e colaborou en tarefas de dirección co grupo infantil TBO. En 1988 participou como tradutor, adaptador e axudante de dirección no espectáculo do Centro Dramático Galego O mozo que chegou de lonxe, baseado nun texto do dramaturgo irlandés John Millington Synge, coa dirección de Mario Gas. Como autor teatral asinou Fin de acto (1989), obra na que presenta unha visión sumamente crítica da evolución ideolóxica e vital da súa xeración. Como ensaísta é autor de A comunicación visual (1995) e A radio (1995). Obtivo en 1996 o Premio Nacional de Xornalismo da Asociación Nacional de Publicacións Hispanas de EEUU.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Vigo