Avieno, Rufo Festo

Avieno, Rufo Festo

Patricio romano, poeta e xeógrafo. Considerado natural da actual Ribadavia. Consérvanse varias obras súas: Descriptio Orbis Terrae, tamén chamada De situ Orbis, e Epigrammata varia, que inclúe Syrenum Allegoria, Falviano Myroncico, Epigramma, Ad Amicos de Agro e Epigramma. A máis coñecida é a Ora maritima, poema do que só se conserva o primeiro libro, dedicado a Iberia, que constitúe unha fonte de primeira orde para o coñecemento xeográfico da Gallaecia na Antigüidade, principalmente do seu poboamento, xa que sitúa no noroeste da Península os pobos dos saefes e dos dragani. No libro descríbese a costa mediterránea da Península Ibérica e o litoral atlántico dende as Columnas de Hércules (estreito de Xibraltar) ata as Illas Británicas. Avieno recorreu á descrición do litoral da Península Ibérica dun autor anónimo de Massalia (Marsella) de finais do s VI a C, que destaca o pouco coñecemento que ten do interior da Iberia e da súa costa atlántica, en comparación co que amosa da mediterránea. Seguindo a este autor, Avieno di que Ofiusa -a Península Ibérica- foi primeiramente nomeada Oestrímnida por estar poboada polos oestrimnios, pobo que fuxiu ante a chegada dunha chea de serpes (serpens) que deron novo nome ás terras abandonadas; logo indica que os ligures e os draganos habitaron o “setentrión nevado”. Estes versos interpretáronse pola historiografía tradicional como testemuños históricos de antigos poboamentos da Península Ibérica, de xeito que as serpes se identificaban metaforicamente co pobo dos saefes, semellante a un relato mítico: Ofiusa quere dicir ‘país de serpes’, ‘dragani’ deriva do grego drákon que quere dicir ‘serpe’, o mesmo que o latín serpens. A asimilación de territorios afastados con lugares míticos ou a mitificación de terras descoñecidas, é propia da Antigüidade; por isto Ora Maritima pode ser interpretado como un mito sobre as orixes do poboamento no confín noreste de Iberia.

Cronología

  • Deceso

    Lugar : V d C

  • Nacemento

    Lugar : Gallaecia